Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
O Salnés

Un ano despois | A dorna polbeira “Águila Tres” volve ao mar e gáñase unha vida en terra

A dorna polbeira “Águila Tres” volve lucir en todo o seu esplendor un ano despois de caer nas mans do Clube Mariño Salnés por medio dunha doazón. Debido ao seu estado de conservación sabían que a súa restauración non ía ser sinxela e que precisaría de moito traballo, pero o feito de ser unha das últimas creacións do mestre de carpintería de ribeira Domingo Ayaso, xa retirado, despexou calquera dúbida e seguiron adiante. Tamén que a Deputación lles concedera unha axuda.

“Noutro tempo iría ao lume”

A embarcación, construída entre os anos 60 e 70 do século pasado, terá agora unha nova vida axudando a aprender navegación tradicional a vela, pero tamén en terra, porque o Clube a empregará para exposicións didácticas e divulgativas sobre o patrimonio marítimo. “Salvouse e tivo moita sorte porque noutros tempos iría ao lume. Grazas a que hoxe hai máis sensibilidade e as axudas que permiten realizar estas cousas, se non sería inviable”, explica Xaquín Cuíñas, un dos socios con máis experiencia en traballos de recuperación.

Dorna polbeira águila tres casco restauración cambados

A “sorpresa”

Coma sempre, os membros do clube ensuciáronse as mans neste proxecto. Encargáronse de todo o proceso de saneamento da dorna no que retiraron capas e capas de pintura e detectaron que “sufrira bastante” debido a un mantemento desaxeitado nalgún momento da súa existencia e a anos á intemperie. De feito, a cousa non pintaba ben, recoñecen, pero tras deixala ‘espida’ chegou a “sorpresa”: A obra viva –a parte sumerxida– “estaba moi ben conservada, intacta pódese dicir, grazas ao alquitrán que lle botaron para que cumprira a súa función orixinal, servir para a pesca. Isto deunos o empuxón para seguir adiante”, conta Cuíñas.  Aínda así, a necesidade dunha nova cuberta e cravación e outras cuestións, como que lle faltaba parte dun costado, eran choio suficiente para ter que recurrir a un estaleiro profesional, como finalmente fixeron, máis concretamente a Garrido.

Dende a asociación aseguran que o resultado “é espectacular” e cren que todo este “longo e costoso” proceso de restauración tamén ten outras utilidades. De feito, deixaron diferenciada a parte orixinal da restaurada a propósito e documentaron todos os pasos para crear unha exposición que verá a luz en maio. Pode parecer unha esaxeración e Cuíñas non oculta que eles son uns entusiastas da cultura marítima tradicional, pero cabe recordar que non hai moito, as “aguias tres” abundaban nos portos e hoxe, ela e outras superviventes, “son xoias porque a carpintería de ribeira esmorece por falta de relevo xeracional, así que todas as que quedan empezan a ser pezas únicas”, reflexiona o socio.

Dorna polbeira águila tres restauración vela cambados carpintería de ribeira

Toda a operación, incluíndo o equipamento, tivo un coste de 11.706 euros; unha cantidade importante para unha entidade que sobrevive coas cuotas dos socios e que puido asumir porque a subvención provincial cubriu o 80 %. A Escola de Vela Tradicional de Cambados tamén conseguiu unha axuda desta liña para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo que lle permitirá renovar a vela da súa dorna “festivaleira”, a “Julicheira”.