Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Vilagarcía

Ana Pontón empuxa ao candidato do BNG a “devolverlle Vilagarcía á súa cidadanía”

Nin o vento do nordés nin a semifinal do partido da Champions impediu ao BNG celebrar a súa festa nacionalista na Praza de Galicia. A formación estreou este escenario para un mitin central no que contou coa presenza da voceira nacional, Ana Pontón, que engadiu forza á candidatura liderada por Xabier Rodríguez para que –o vindeiro 28 de maio– poidan “devolverlle Vilagarcía a súa cidadanía”. “Hai un vento nordés, o vento nordés do cambio”, sinalaba Xosé Castro Ratón. Foi el o que definiu a candidatura do Bloque como “unha aposta de futuro” asegurando que nos “presentamos para gobernar”. Ironizou coas obras que marcaron a xestión dos socialistas de Alberto Varela ao fronte de Ravella estes anos. “Queremos acabar coa colonización do formigón e contra o cemento que parece que é o ADN deste goberno”, sinalou Ratón. Acusou ao equipo socialista de “apropiarse de ideas alleas” en referencia a un VaiBike que “foi posto en marcha por Rosa Abuín” (agora número 2 da lista nacionalista). “Hai que acabar con esta longa noite de cemento cos votos ao BNG nas urnas”, concluíu.

“Un novo modelo”

Se Xosé Castro Ratón modificaba o título da obra de Celso Emilio Ferreiro para a súa particular “longa noite”, Ana Pontón utilizaba uns recoñecidos versos do mesmo autor para iniciar a súa intervención. “Lingua proletaria do meu pobo...”, recitaba. Facíao pola coincidencia do mitin co día das letras galegas “que nós celebramos os 365 días do ano”. Pontón falou de mudar as cousas “concello a concello”, de que o cambio debe comezar en Vilagarcía o vindeiro día 28 e destacou no seu discurso cuestións que preocupan aos sectores produtivos locais como a baixada da produción marisqueira na Ría ou a afectación da Mina de Touro. “Temos un modelo de cidade que funciona e precisamos facelo dende a base, dende os concellos”.

Foi o candidato, Xabier Rodríguez, o que debullou o modelo de cidade que ten a súa formación para Vilagarcía. “Presentámonos cun proxecto sólido e avalado polos concellos nos que gobernamos fronte a un goberno que vive ensimismado na súa maioría”. Reivindicou máis políticas sociais, máis espazos para a mocidade, a eliminación da Fundación de Deportes, axudas para o comercio local e abrir as portas fronte a un concello que “agora é hermético, un búnker inaccesible”. O obxectivo de facer que Varela perda a maioría absoluta foi un mantra que sobrevoou todo o acto, conscientes de que –se iso ocorre– á do BNG será a primeira porta á que chame Varela. “Imos a por todas, presentámonos para gañar e, sobre todo, para gobernar Vilagarcía”, destacaron.