O Premio Bouza Brey rexurde en Vilagarcía nun momento máxico para a poesía con 79 obras aspirantes
O xurado xa se atopa na última fase de avaliación e o poemario gañador darase a coñecer o día 2 de decembro

O Premio de Poesía Fernín Bouza Brey, convocado polo Concello de Vilagarcía, volve a situarse como un dos certames máis relevantes de Galicia, con 79 obras aspirantes. Os 17 anos transcorridos dende a anterior convocatoria (no ano 2009) non impediron que rexurda agora con moita máis forza, na súa sexta edición, a máis participativa da historia.
“O positivo dato implica una ardua labor a realizar por parte do xurado, que leva dende o mes de xuño avaliando ao detalle cada un dos traballos presentados para poder emitir o voto definitivo”, explican desde Ravella. Terán en conta a calidade literaria, o coidado da lingua e da linguaxe poética, así como a orixinalidade, innovación e valor cultural das propostas, entre outros criterios..
Traxectoria de prestixio
A deliberación atópase xa na última fas e o fallo darase a coñecer o 2 de decembro. Nesa mesma data, farase pública a identidade dos membros do tribunal, tres persoas representativas da cultura galega relacionadas co eido da literatura e entre as que hai un representate da editorial Galaxia.
A persoa gañadora recibirá os 5.000 euros cos que está dotado o Fermín Bouza Brey nun acto público que se celebrará antes de que remate o ano. O premio inclúe tamén a publicación da obra por parte de Galaxia, no marco da colección Dombate. A seguinte data importante será a presentación do volume, que será sobre o 21 de marzo de 2027, Día Mundial da Poesía.
A calidade do Premio de Poesía Fermín Bouza Brey queda patente na lista de galardoados, varios deles autores noveis no momento de facerse co galardón e que, na actualidade, están consagrados. É o caso de Emma Pedreira, que foi a gañadora da primeira edición (2001), á que lle seguiron Xurxo Alonso (2003), Xerardo Quintiá (2005) e David Souto (2007). Ademais, na versión anterior do certame, cando o convocaban conxuntamente Vilagarcía, Cortegada e Ponteareas, o premio recaera, en 1994, nunha Yolanda Castaño que, con 17 anos, xa anunciaba futuro.











