“A cesta da compra está tan cara que hai familias que teñen que renunciar a comer ben”
Xoanqui Ameixeiras, o fillo de taberneiro que cociña na TVG

Criouse entre fogóns e fixo deles a súa paixón ata converterse nun referente. Todo comezou en Fene, na taberna familiar de nome A Marola. Como calquera rapaz fillo dun hostaleiro, non lle quedaba outra que axudar a servir, a cociñar, a limpar a ir ao mercado… “O meu pai foi o ideólogo da cociña innovadora nesa época”, confesa Xoaquín Ameixeiras (Fene, 1971), o cociñeiro da TVG, que fixo das súas receitas un activo para a audiencia.
Ameixeiras volta aos orixes e lembra que o seu pai, que era artilleiro nun barco da Armada, tivo a oportunidade de ver moito mundo e trasladou á taberna todas esas experiencias culinarias das que foi testemuña directa.
A taberna estaba especializada en peixes e mariscos e mentres o neno Xoaquín axudaba no negocio, aprendía a base do oficio case sen decatarse, polo que para el eran naturais as cabezas de bacallau que se usaban para as caldeiradas. “Antes non había espesantes e o meu pai empregaba o tuétano ou traballaba coas ovas ou as xibas, que eran descartas nas prazas de abastos, para facer unhas sopas estupendas que repercutían nun cen por cen de ganancia, xa que as regalaban cando comprabas outros peixes”.
A cociña na taberna era “moi artesanal porque había frituras, caldeiradas, escabeches e eu axudaba indo aos recados ou limpando quilos e quilos de calamar”.
Esa foi a raíz da súa afección á cociña, que se fixo patente cando, con 22 anos, mudouse a vivir a Vilagarcía de Arousa. Explica que vivía só e que dedicaba boa parte do tempo libre que lle quedaba a experimentar. “Houbo unha época na que probaba a cociñar con todos os arroces cantos había no mercado, e cos peixes igual”.

Hoxe fixo de Arousa o seu fogar, pero o certo é que “cando vin aquí era para ter un ano sabático nunha casa que se enchía cada fin de semana de amigos ansiosos por probar os seus pratos”.
Xoanqui Ameixeiras formouse en artes gráficas e adestraba outras, neste caso as marciais, que o levaron a atopar un posto de traballo na seguridade privada. “Necesitaban a alguén para a Casa do Mar de Vilagarcía, que daquela era un sitio moi conflitivo e ata aquí vin e a vida aquí me deixou”.
Nese tempo non había internet e os libros de cociña eran a guía para as novas elaboracións, así como as libretas e os folios de papel, donde Xoanqui apuntaba calquera novidade que lle chamaba a atención.
Todas estas experiencias levárono a escribir un libro de cociña, o primeiro, porque agrda publicar máis. “Estou moi contento con el. Escribino cando rematou a temporada de ‘Estache bo’ (programa da TVG), na pandemia. É un libro de receitas, pero faltan moitas como as sardiñas asadas con rama de figueira, ou os berberechos asado con pino ou a empanada de parrocha afumada, entre outras moitas”.
O cociñeiro da Televisión de Galicia anima ás persoas traballadoras a facer a comida e fuxir da idea de que non hai tempo para meterse nos fogóns. “A ver, nos obradoiros sempre traballo con sofritos base, que valen para todo, para as lentellas, para un estofado de carne ou para o polo. A partir de aí podes botar arroz, pasta ou cuscús e xa tes un prato en pouco tempo”.
Remarca que iso non demora moito, pero admite que facer o sofrito si, polo que aporta unha solución intermedia. “Se collemos unha boa cantidade de pemento e cebola con aceite de oliva e o metemos nunha tarteira para ir cociñando pouco a pouco, ao final logramos un sofrito que podemos meter no conxelador en bolsiñas de 250 gramos, xa temos o sofrito para o día a día. Pasa igual cos caldos e os metemos en botellas e anotamos de que son”.

Isto é o que fai el na súa casa os sábados ou os domingos. Deste xeito, “os meus fillos ou a miña muller, que todos teñen traballos e obrigas diarias, saben que teñen iso aí para facer, por exemplo, cun arroz, que leva quince minutos cociñalo”.
Non obstante, Xoanqui Ameixeiras lamenta que non é doado comer ben nestes tempos porque os prezos dos produtos esenciais son demasiado elevados e non todas as familias poden permitirse ese gasto”.
“A cesta da compra está moi cara. A froita está polas nubes, polo que non nos queda outra que ir as ofertas e que estas nos condicionen a compra”. Xoanqui pon un exemplo claro da situación que se vive na actualidade. “A ver, unhas xudías verdes cun pouco de tomate, unha lata de atún e uns ovos cocidos que se comen de toda a vida nas nosas casas, agora xa non e tan doado. Xa hai que ir á oferta das xudías, os ovos xa non son campeiros e as latas de atún tamén subiron e como hai que chegar a fin de mes, moitas familias teñen que renunciar a algo porque os salarios actuais dan para o que dan”.
A chegada de Xoanqui Ameixeiras á Televisión de Galicia foi unha casualidade. “Fun á praza a merca un pinto e unha maragota que levei para limpar na casa e un amigo animoume a presentarme a un casting que había no salón de plenos do Concello para un programa da TVG que se chamaba ‘Desafío nos fogóns’. Fun seleccionado e estiven con eles catro programas que me valeron para gañar tres mil euros, que me serviron para mercar un carriño para os meus mellizos, que sen eses cartos non me podía permitir”.
Máis adiante, enterouse de que buscaban un cociñeiro para a TVG. O casting era en Ourense e ata ala foi para gañar a praza e converterse nun referente de audiencia na televisión. Para triunfar neste medio non é suficiente con cociñar ben porque tamén é importante “saber comunicar e explicar o que se fai. Se corto unha cabaciña en dados, eu digo porque non o fago en tiras ou en xuliana de xeito natural e sinxelo e iso á xente dálle confianza”.

Xoanqui non é pretencioso, pero ao ser coñecido e recoñecido como o cociñeiro da galega, “hai xente que quere sacar fotos comigo e pregúntolles sempre se cociñan e moitos din que non, pero que o programa é moi entretido” e neste punto bota unha cuña sobre o programa da TVG no que participa nestes momentos, ‘A voltas co prato’.
E como leva as críticas un cociñeiro de sobrada experiencia como Xoanqui Ameixeiras?
“Penso que hai que empezar a contestalas porque hai que ter un pouco de respecto. Por exemplo, cos arroces sempre hai debate. Eu nunca fixen unha paella en non a vou facer e a xente fala do que se lle bota ao arroz. A ver, según os estudos, ao principio facíanse con rata de río e co que había na horta, e pasa igual aquí co cocido galego. No norte faise con garbanzos e no sur con fabas. Son diferentes e hai diversidade, polo que non se pode dicir que só se pode facer dunha maneira determinada porque non é así”.
O cociñeiro da TVG está farto dos chamados ‘haters’ e defende os erros. “Nos meus obradoiros, se noto que ao prato fáltalle sal, dígoo e bótolle máis explicando onde debía corrixir”.












