Vilagarcía abre a inscrición para participar na andaina Goza do Ulla
Será o día 13 de setembro e é unha actividade de balde

A Concellería de Turismo abre mañá o prazo de incrición para participar na andaina do programa supramunicipal ‘Goza do Ulla’. A ruta – que terá lugar o día 13 de setembro– discorrerá polo monte Xiabre e pasará polos miradoiros da Cruz e de Bamio, dende os que se ofrecen excelentes panorámicas da Ría de Arousa, do leito baixo e da desembocadura do río Ulla. A participación é de balde e as persoas interesadas poden anotarse a partir das dez da mañá na plataforma ticket.vilagarcia.gal. En total ofértanse 150 prazas.
Dificultade media-baixa
A andaina de Vilagarcía leva por título ‘O Ulla e a Ría’ e será un percorrido circular de 14 quilómetros de dificultade media-baixa e cunha duración aproximada de tres horas e media. A expedición sairá ás dez da mañá de Pinar do Rei e irá acompañada dun guía. O punto de partida é tamén o de chegada.
Dende a saída pasearase por camiños que permiten ir admirando a Ría de Arousa e o Ulla. Así pois, na parada do miradoiro da Cruz de Xiabre poderá contemplarse o río ata Padrón e apreciar a desembocadura na Ría de Arousa. Nun día claro e dende este punto é posible ver as illas Sálvora e tamén as Cíes.
O paseo continuará –xa en descenso– ata o miradoiro de Bamio para gozar de excelentes vistas da zona de marisqueo dos Lombos do Ulla, dos viveiros nos que se colleita a ameixa de Carril e da illa de Cortegada, integrada no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Cabe recordar que Vilagarcía é un dos múltiples concellos que participan no programa ‘Goza do Ulla’ xa dende a súa creación. Esta é unha iniciativa que agrupa a unhas vinte localidades polas que pasa o río e que se unen para organizar uns roteiros de sendeirismo cos que promocionar a súa riqueza paisaxística, cultural e medioambiental. Unha cita que sempre conta con gran acollida.











