
A Escola Infantil Municipal Bonecos tamén celebrou a súa tradicional Festa da Auga, unha xornada de xogo, diversión e experimentación coa que o alumnado se achega tamén a unha das celebracións máis populares e características das festas de San Roque de Vilagarcía.
A Festa da Auga de Vilagarcía constitúe unha das tradicións máis coñecidas e participativas da vila. Por iso, desde a escola considérase importante que, xa desde os primeiros anos, as nenas e nenos vaian coñecendo e familiarizándose coas celebracións e costumes propios do lugar no que viven.
Ao longo da mañá, o patio da escola converteuse nun espazo de xogo e experimentación no que a auga foi a gran protagonista. Valdes, pisciniñas, recipientes, regadeiras e diferentes materiais permitiron ao alumnado explorar, manipular, experimentar e, sobre todo, desfrutar dunha xornada diferente en compañía dos seus compañeiros e compañeiras.

A actividade combina así a dimensión lúdica e educativa coa transmisión das tradicións locais, favorecendo que os máis pequenos descubran, dun xeito adaptado á súa idade, parte do patrimonio cultural e festivo de Vilagarcía.
A Festa da Auga da escola pretende ser, ademais, unha pequena homenaxe a esa gran celebración que cada 16 de agosto enche as rúas de Vilagarcía de auga, música, alegría e participación, e que forma xa parte da identidade colectiva da vila.

Porque coñecer e vivir as tradicións do lugar onde medramos tamén é unha forma de aprender, de crear vínculos coa comunidade e de sentirse parte dela.











