Folk no Alobre estréase no mes de xullo cunha gran foliada aberta e romaxe
O primeiro festival do verán en Vilagarcía será o próximo domingo

O frescor que proporcionan as árbores do xardín botánico Enrique Valdés Bermejo servirán de refuxio á romaxe urbana do Folk no Alobre, que o domingo estrea a súa celebración no mes de xullo. A tradicional festa popular, que nesta edición cumpre unha década, contará co Ritual das Penas do Alobre, con obradoiros de baile, xogos tradicionais para todos os públicos e moita música, ademais de incorporar o concepto de foliada aberta, coa que rematará a celebración xa entrada a noitiña.
Con este adianto de datas, o Folk no Alobre convértese no primeiro festival do verán de Vilagarcía e proporciona unha excelente alternativa de ocio familiar coa que pasar unha xornada ao aire libre, coa satisfacción, sinalan desde o Concello, de “celebrar a cultura propia dun xeito tradicional”. Ravella colabora no evento, que organiza PésdeBarro e que está incluido no programa VGA 365.
A programación
O tradicional paseo dende os Xardíns de Ravella ata o Castro Alobre abrirá o programa. Comezará ás 11 horas e irá acompañado da música de Os Demos da Petaca e dun guía. Rematará no xacemento arqueolóxico, onde se dará unha explicación detallada da zona e procederase ao Ritual das Penas do Alobre, con Xurxo Souto. Brais das Hortas amenizará a sesión vermú ás 13 horas, no Valdés Bermejo. Será o petisco do Xantar Demorado, no que familias e grupos de amigos compartirán mesa e mantel. Poderán levar a comida da casa ou comprala nos postos de polbo á feira, churrasco, empanadas e tortilla. Ademais de xogos populares para todas as idades, durante a sobremesa celerase un obradoiro de ‘Baile solto e agarrado para foliadas’, con Manolo Cobas e Bea Díaz. Os concertos comezarán ás 19 horas, coas Pandereiteiras de Pésdebarro e Os Demos da Petaca, la Foliada de Pésdelán, e actuación de Os Carrunchos e, como fin, foliada libre.










