Vilagarcía percorre a historia do ecoloxismo cunha mostra dos 50 anos de Adega
A inauguración foi no Parque da Xunqueira

O Parque xa Xunqueira acolle a mostra organizada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) para conmemorar que se cumpren 50 anos da súa fundación. A través de 16 paneis nos que se recollen, con fotos e imaxes, os principais fitos do movemento do movemento ecoloxista galego nas últimas cinco décadas, o colectivo pretende continuar concienciando á poboación sobre a necesidade de coidar o medio no que vivimos e de loitar contra as agresións que sofre.
"Adega: 50 anos coidando a terra" é o título da exposición que esta mañá se abriu de forma oficial coa presenza da tenente de alcalde, Tania García, e do concelleiro de Turismo, Álvaro Carou. Acompañados de membros de ADEGA, realizaron unha vista guiada pola exposición que mestura divulgación e espectacularidade.
O percorrido iniciouse na recreación evocadora dos bidóns radioactivos vertidos na Fosa Atlántica entre os anos 1949 e 1982, lembrando a loita en contra e a prohibición definitiva desta actividade, pero tamén evocando os depósitos tóxicos, inflamábeis e corrosivos que no 1987 levaba o cargueiro Casón a varar nas costas de Fisterra.
A continuación, os asistentes repasaron os textos, imaxes e contidos divulgativos recollidos nas caras dos tótems cúbicos que actúan como soporte, deseñados integramente con materiais reutilizados.
Organización da mostra
A temática dos paneis vai dende as orixes e formación de Adega á importancia de organizarse en defensa do planeta, pasando polo valor do voluntariado activo. Tamén se reserva un espazo para advertir da necesidade da educación ambiental e se tratan as problemáticas máis comúns en Galicia a través dos riscos existentes e das campañas de loita emprendidas polos colectivos ecoloxistas. Os lumes e a planificación forestal, as verteduras radioactivas no Atlántico, a ameaza continúa das celulosas, os eólicos, as catástrofes mariñas coma as do Casón e o Prestige, a campaña antinuclear de Xove ou a actividade extractiva sen control son algúns dos temas bordados por ADEGA nesta mostra.
Á inauguración acudiron outros colectivos ecoloxistas, como a PDRA ou a Plataforma contra o Encoro de Caldas, que insistiron na importancia da mobilización e nas amenazas actuais para a Ría de Arousa e o Río Ulla, como Altri, a mina ou os depósitos de betún, apuntaron. Martiño Fiz, secretario de organización de Adega, fixo fincapé na importancia histórica do movemento ecoloxistas e como arredor del foron xurdindo loitas sindicais ou veciñais.










