Unha exposición no Gato Negro de Carril con artistas de toda Galicia rende homenaxe á figura de Begoña Caamaño
Poderá visitar ata o domingo 28 de xuño

O CAD Gato Negro acolle ata o 28 de xuño a exposición ‘Tránsitos entre materia e verba’, que rende homenaxe á Begoña Caamaño, a autora á que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas.
Precisamente a relación entre a arte e a lingua, a cultura e a paisaxe galega é a temática desta mostra, que organiza Mavi Castiñeiras, que tamén é unha das artistas que participan. Constitúe a representación vilagarcián, xunto a María José Rodríguez e Olalla Buceta.
Son máis de 40 obras que ocupan varios espazos das instalacións situadas en Carril, dende a cafetería ata a sala de exposicións, pasando por entrecháns e accesos. Convértese así nun espazo de encontro entre a creación plástica e as letras galegas e hai distintos tipos de disciplinas, desde pintura ata fotografía, pasando polo collage.
Participan artistas de distintos puntos de Galicia, como Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago, Ourense ou Ferrol e a maioría deles non expuxeran nunca en Vilagarcía. Un dos aspectos máis singulares é que non se limita a exhibir obra plástica, senón que tamén hai poemas entre pezas, de tal forma que os textos dialogan coas pezas, formando un relato común. De feito, a intención, explica Castiñeiras, é que o visitante tamén poida transitar entre materia e palabra.










