Fernández Rego: 'Andrés do Barro foi unha icona, tiña clubes de fans por toda España”
Cidade do Libro celebrou unha xornada adicada á música, con nomes tan coñecidos como Sés Ademais, o crítico Fernando Fernández Rego, firmou exemplares da súa obra sobre o mítico Andrés do Barro

O vínculo entre a literatura e a música foi a temática da xornada de onte de Cidade de Libro. E se hai unha figura en Galicia que una á perfección ambos os eidos, é probablemente Andrés do Barro, a primeira icona do pop galego. Vilagarcía conta cun dos críticos que máis estudou a súa figura, así como outras da música galega, como é o profesor do Castro Alobre Fernando Fernández Rego. Foi un dos asistentes ás conversas de onte, nas que estivo xunto a Sés e Miqui Puig, nunha mesa moderada polo xornalista Carlos Crespo.
Primeiro como fan, pero logo xa afondando profesionalmente na súa figura, o nome de Fernández Rego xa aparece vinculado a do Barro en 2015, cando publica o primeiro libro sobre o autor de temas tan coñecidos como ‘O tren’. Dende entón “pasaron moitas cousas”, como a aparición do seu disco perdido nos anos 80, que Rama Lama edita en 2020. Pero foi a achega dunha das súas fillas, Andrea Lapique, “moi activa na promoción do seu legado”, a que impulsou esta nova aventura, cunha biografía moito máis ampliada. “Ten 150 páxinas máis que o anterior, con cartas manuscritas de Andrés”, entre elas as que escribiu nas súas viaxes a Brasil ou Argentina, explica o autor, que tamén firma destacados traballos sobre figuras tan relevantes como Suso Vaamonde ou sobre a ‘movida’ en Vigo nos anos oitenta.
‘Andrés do Barro, a xénese do pop galego’ é o título da obra. Unha definición para o autor de Ferrol que vai moito máis alá do seu estilo. “Foi unha icona. Convírtese nun ídolo xuvenil e tamén noutras idades. Ten clubs de fans por toda España, recibía miles de cartas semanais...”, explica Fernández Rego. Fixo tamén xiras internacionais e ata unha película con Concha Velasco. Os seus maiores éxitos foron entre os anos 1969 e 1972, “cantando en galego en plena ditadura”. O crítico musical explica que do Barro burlou a censura presentando ‘O tren’ como unha canción en portugués. Foi todo un éxito a nivel comercial e xa non houbo volta atrás. Rodou tanto que, a día de hoxe, segue a sonar en verbenas e festas populares de toda Galicia. “A mocidade coñece os temas de Andrés do Barro, ás veces sen saber de quen son”, explica Fernández Rego. Foi o seu grande éxito, trascender a unha época, a diversas xeracións e sentar as bases do pop galego. “Hoxe en día temos unha relación moito máis normalizada co idioma na música. Realmente 9Louro ou as Tanxugueiras veñen daí. Andrés do Barro foi pioneiro”, apunta.
A literatura negra será hoxe a protagonista
A xornada de hoxe estará dedicada á literatura de misterio e intriga, coa participación de nomes tan relevantes como Nieves Abarca, César Pérez Gellida (Premio Nadal 2024) e Arantxa Portabales, que visitan a mostra para conversar sobre as causas polas que este xénero atrae a tantos lectores. Ademais, o talento local estará representada por Alba Tomé, coa presentación da su primeira novela, ‘As humidades’, ás 19 horas, no escenario principal, onde a partir das 20:30 terán lugar as ‘Conversas ao Solpor’. Pérez Gellida, de Valladolid, é ou autor da saga ‘Memento Mori’, convertida en serie en 2023; mentres Portabales ten, entre outros premios, o do Novela Europea Casino de Santiago ou o Manuel Murguía de Relato. Nieves Abarca, pola súa parte, publicou títulos como ‘Crimes exquisitos’ ou ‘Martyrium’.
O talento local tamén estará presente nas casetas da feira. Na da Librería Vidal estará o sábado a ilustradora Nuria Díaz, firmando unha obra sobre a raíña do crime e o misterio. ‘Agatha Christie, tras la pista de la reina del crimen’. Díaz é licenciada en Bellas Artes pola Universidade de Vigo e ten un máster en Arte e Comunicación. En 2012 inicia a súa carreira de ilustradora.










