‘Azul’, a obra que narra os derradeiros nove días da nai de Mon no hospital
O texto acadou o XI Premio Antón Risco de Novela Curta. O seu escritor, o vilagarcián Mon G. Buhigas, presenta como tema principal o trato que recibiu a súa nai ingresada

A obra ‘Azul’, do escritor vilagarcián Mon G. Buhigas, resultou gañadora do XI Premio Antón Risco de Novela Curta celebrado o pasado 23 de maio na sede da Fundación Vicente Risco en Allariz. O xurado valorou deste texto a súa intensidade emocional, a súa calidade lírica e a autenticidade coa que o autor, comentan, aborda a perda dun ser querido.
“A verdade é que é unha novela de sesenta páxinas que basicamente son os nove derradeiros días que a miña nai pasou nun hospital público do Sergas”, conta Buhigas. E continúa explicando que a súa proxenitora tiña un problema oncolóxico e “foi enviada para casa en varias ocasións”. O escritor, pero tamén fillo desa nai -unha muller moi coñecida en Vilagarcía- quedou “abraiado, para mal” do trato que recibiu na súa doenza.
“Penso que unha muller de 87 anos que ten un problema oncolóxico, aínda que estemos no mes de agosto, ten que ser tratada doutro xeito, poñendo por diante o benestar do paciente. E creo que este, non foi o caso”, sinala o vilagarcián.
Estas vivenzas, un ano despois convertéronse neste texto. A primeira razón de que nacese ‘Azul’, explica, é que “non quero que ninguén máis sufra o que sufreu a miña nai”. E continúa: “O tema da sanidade pública é un tema que temos que defender todos, e penso que ten que haber un compromiso por parte de toda a xente que forma o sistema sanitario, tanto enfermeiros coma enfermeiras, doctores, doctoras, as persoas que toman as decisións, para poñer por diante, sempre, o benestar do paciente, por riba de calquera outro interese impúdico”.
A peza conta a historia dunha muller á que, nacida nos anos trinta nunha familia privilexiada, non lle deron a oportunidade de estudar
A segunda razón, que tamén é o segundo tema que aparece na novela, é mostrar a vida das mulleres que, como a súa nai, naceron nos anos trinta e foron educadas baixo os preceptos da ditadura. E conta que, no caso da súa nai, nacida nunha familia que tiña os medios económicos para, por exemplo, ela “como persoa perfectamente competente” puidese estudar e, aínda así, detalla “o único que estudou foi o irmán, o home da familia, digamos”.
A través das sesenta páxinas, explica, “toca todas esas circunstancias” que tiveron que soportar as mulleres, e incluso as privilexiadas que, coma a súa proxenitora, tivo a sorte de vivir nunha familia que contaba cun estatus, pero, pese a iso, foi limitada á hora de poder estudar.
Publicación
A publicación da obra que, recoñece, custou moitas bágoas escribir e que leva por título a cor do mar que lle prometera a súa nai que volvería ver cando saíra do hospital, cousa que non puido ser, será en breves. “Pero aínda non teño prazos”. Unha vez que estea na rúa, conta Buhigas, haberá presentación en Vilagarcía porque é “a terra da miña nai, e tamén miña”, aínda que, explica, leva vivindo en Santiago máis de 36 anos debido á súa profesión como mestre.
Cando ‘Azul’ se publique, o vilagarcián, sumará unha nova obra nas mans dos seus lectores e lectoras. Así, este traballo que se espera que se publique este ano, sumarase aos títulos de poesía ‘Poemas para Emilia’ no ano 2003 e ‘Doce’ do 2010. Despois chegou o álbum ilustrado ‘A fita azul’ publicado pola Editorial Galaxia que ten como obxectivo homenaxear aos profesores e demais axentes da aprendizaxe incluíndo o persoal non docente, entre os que se inclúe, conta, as persoas de limpeza, aqueles que acompañan ao alumnado nos autobuses, os que están nas comedores, de todos os centros educativos.
A escritura, e, por suposto a lectura, foi para Buhigas un “refuxio para moitas cousas que pasaban arredor da miña familia”. Tamén a música, conta, facía de terapia.
E recorda que, a figura da súa nai tamén foi imprescindible para que agora puidera escribir esas verbas nas que lle rende homenaxe. “A verdade é que inculcoume moitas cosas, e a lectura e a escritura son algunhas delas”, conta Buhigas, quen espera que esta novela cumpra os dous obxectivos: que se coide máis a sanidade pública e honrar a todas as mulleres.










