O Piñeiriño une tradición e música nunha foliada "para vivila"
Será o 13 de xuño no parque do barrio nunha xornada sen parar que arrinca ás once e remata ata ben entrada a noite

A música, a tradición, a identidade e – sobre todo– as ganas de compartir festa son os ingredientes da que será a primeira edición da Foliada do Piñeiriño. Será o sábado día 13 nunha longa xornada que arrincará de mañá e se prolongará ata que o corpo aguante. A iniciativa está promovida pola agrupación As Gharbosas, en colaboración coa asociación de veciños Breogán, de O Piñeiriño, e o Concello de Vilagarcía.
A programación iniciarase ás 11 horas co mercado de artesanía no que haberá diferentes postos e moi variados. Xusto a continuación, ás 11.30 horas, será o obradoiro familiar impartido por Andrea Menéndez.
Ás doce do mediodía será o pasarrúas a cargo das Cantareiras Bulideiras, de Fontecarmoa. Coa idea de aportar outra visión ao que é a música tradicional tamén se fará unha sesión de pinchadiscos – “Tradi DJ”– a cargo de Chiño DJ.
A partir das dúas e media será o gran xantar comunitario. Na zona do parque habrá un espazo reservado para postos de comida coa idea de que as persoas que se acheguen ata esta celebración non teñan problema para poder gozala durante todo o día.
Ás catro da tarde comezará unha sesión de xogos tradicionais e, ao rematar, farase foliada libre para que aquelas persoas, grupos ou formacións que desexen tocar ou bailar poidan facelo sen presión e de forma improvisada.
Esta foliada libre durará ata as seis da tarde, que será cando dará comezo un obradoiro de baile capitaneado por Chechu Riquelme. Ao finalizar comezará a Foliadiña Infantil, na que participarán pequenos e pequenas de diferentes asociacións que levan xa unos anos ensaiando e que poñerán en coñecemento de todos o aprendido. Ás oito da tarde, sobre o escenario, será o concerto de Ferriñas Bravas. Xa para rematar o día, e a partir das noche, volverá a facerse unha foliada aberta. “Queremos que sexa un espazo no que todos aqueles que así o desexen poidan participar. Sen presión, co único propósito de pasalo ben”, expoñen dende a organización.
As Gharbosas agradecen aos locais do barrio que colaboraron con doazóns para os sorteos que se van realizar. Esta primeira foliada do Piñeiriño nace para quedar. “Que mellor sitio que este barrio, que é o que nos deixa ensaiar e que, ademais, ten a sona de ser o mellor barrio do mundo. Que veña todo o mundo”, animan dende a asociación.










