Mercedes Barreiro | “Co libro busco render unha homenaxe ás familias destrozadas pola droga”
A escritora presenta a súa novela ‘Nunca dejes de bailar’ esta tarde no Auditorio Municipal. O evento contará coa actuación musical de Estrella Tomé

A súa paixón por observar o comportamento humano ten levado a Mercedes Barreiro a expresar o que ve – e tamén o que sente – a través da escritura.
Esta veciña da Pobra desembarca hoxe en Vilagarcía coa súa novela 'Nunca dejes de bailar'. A obra – inspirada nunha historia real de drogodependencia nos anos 80 - presentase na sala de conferencias do Auditorio Municipal ás oito da tarde. Esta cita tan especial para a autora contará, ademais, coa actuación musical de Estrella Tomé.
É do marxe norte da Ría, pero opta por presentar a novela en Vilagarcía...
Si, fágoo fundamentalmente porque é a terra do meu pai e facíame moita ilusión reivindicar así as miñas orixes. Eu estou segura de que a el lle faría moita ilusión. Por outra banda porque o marco no que se desenvolve a historia son os anos 80, unha época na que comezou a filtrarse a droga nas nosas rías. En Vilagarcía, iso é así, o tema do contrabando estivo moi presente.
Téñense escrito liñas e liñas, e con diferentes enfoques, sobre a droga en Arousa. Por que este tema?
Son unha persoa á que lle fascina o comportamento humano. Atráeme moitísimo como reaccionamos ante diferentes circunstancias e en todo o que escribo isto vese reflexado. Hai tempo que tiña ganas de abordar o tema da droga nos anos 80, porque nada ten que ver aquel mundo co que temos hoxe en día. Daquela entrou arrasando familias enteiras e deixando atrás a persoas inocentes. Había un descoñecemento absoluto. Admiro a loita das nais daquela época e era algo que tiña aí, con ganas de saír.
É a primeira vez logo que esta temática aparece nalgunha das túas obras.
Si. O meu primeiro libro foi sobre a homosexualidade, o segundo sobre a superación persoal. Despois fixen un de poesía que lle dediquei á miña amiga da alma, que faleceu. Agora este, facendo fincapé – como che digo – no que supón o comportamento das persoas.
Por idade, e sendo da Ría de Arousa, viviches o que supuxo nestes municipios esa chamada “xeración perdida” en primeira persoa.
Esa época colleume en plena adolescencia e vivina non en primeira persoa, pero fun testemuña de como se desenvolvía todo. Este libro está baseado nunha historia real. Nunha muller que caeu no mundo das drogas logo de ter problemas familiares. Foise a Madrid, onde viviu “a movida”. Ese é o fío condutor, a historia real. Logo hai detrás un gran traballo de documentación para facer partícipe ao lector da época á que me refiro e da que falo.
O libro presenta unha protagonista, entón, que non o tivo nada fácil...
Non, non o tivo fácil. De feito eu na novela afondo moito no tema da superación persoal que tivo que levar a cabo esta muller ao longo de toda a súa vida. Ela, ademais, tamén sofre episodios de violencia de xénero. Algo que é normal, nos casos de mulleres máis vulnerables e que se atopan en situacións máis delicadas. Tamén quería deixar patente como a súa vida vén marcada pola falta de afectos, dende a adolescencia ata que xa é unha muller adulta.
Cambiou a túa perspectiva daquela época despois de documentarte e sumerxirte na escritura deste novo libro?
A verdade é que non. O que pretendo con este traballo é facer unha homenaxe ás familias que viviron aquela tortura e tamén resaltar a inocencia daqueles chavales naqueles momentos. Quero deixar patente como aquilo foi terrible tanto física como psicoloxicamente. Para que non se esqueza. Era enterro tras enterro...
O teu labor profesional desenvólvese precisamente a día de hoxe con drogodependentes. Hai cambios?
Moitos. Eu levo trinta anos na miña profesión. Non só hai cambios na percepción que se ten do consumo de drogas, senón tamén na forma de abordar o problema.










