Cinco centros educativos renderán homenaxe a Begoña Caamaño no Festival escolar das Letras Galegas en Vilagarcía
A actividade organizada polo Servizo de Normalización e a Concellería de Educación celebrarase o xoves 12, a partir das 11 da mañá, no Auditorio

O Auditorio Municipal encherase ata bandeira este xoves, 12 de maio, con motivo do Festival Escolar das Letras Galegas organizado polo Servizo de Normalización do Concello coa colaboración da Concellería de Educación. Alumnado e profesorado de cinco centros educativos asistirán ao evento para render homenaxe á Begoña Caamaño -a autora á que se dedican as Letras deste ano- mediante a representación de números de diferentes xéneros. O alcalde, Alberto Varela, recibirá aos participantes aos que se lles fará entrega dun lote de libros para as bibliotecas de cada un dos centros educativos.
No festival participaran estudantes de todas as idades, dende segundo de Primaria ata Bacharelato, dos colexios A Lomba, A Escardia e San Francisco, ademais dos institutos Armando Cotarelo e O Carril. Algo máis de 150 rapaces e rapazas subirán ao escenario para representar actuacións de canto, baile, sketchs, dramatizacións e recitado de poemas para homenaxear, dar a coñecer e poñer en valor a figura e a obra de Begoña Caamaño, escritora, xornalista, mestra e activista do feminismo.
A programación especial das Letras Galegas deseñada pola Concellería de Cultura inclúe outras moitas actividades ao longo de todo o mes de maio, como espectáculos infantís, teatro, actuacións folclóricas, música cine e a tradicional ofrenda floral a Rosalía de castro no Carril.










