Viaxe polo calendario festivo de Galicia con Nós de Sobradelo
A asociación mostra sobre o escenario a importancia da traxe tradicional

A música tomou o Auditorio no marco da conmemoración das Letras Galegas, entendida como moito máis alá do día en cuestión. Xa é tradicional por estas datas o festival de Nós de Sobradelo, que chega a súa décimo oitava edición con toda unha viaxe ao estilo grupo nós.
O baile e a música tradicional serviron para percorrer a historia do calendario festivo galego, amosando como sons e pasos, pero sobre todo vestimenta, cambia con cada celebración.
As persoas asistentes puideron volver, nunha tarde chuviosa e coas temperaturas máis baixas do normal para estas datas, á solemnidade do Nadal; para vivir de novo despois a retranca do Entroido. Outra parada foron a enerxía comunitaria dos seráns galegos, toda unha tradición que conservan asociacións como Nós de Sobradelo. Para lograr esta viaxe, os compoñentes da asociación realizaron diversos cambios de vestiario en escena, amosando traxes específicos que foron recuperados e deseñados para cada unha destas festividades. Desde as seccións de gaita, canto, baile e percusión de Nós, explican que con este evento quixeron transmitir que “o traxe tradicional non é un uniforme estático, senón unha ferramenta viva que se adaptaba á función social de cada momento: dende o rigor das festas de inverno ata a vistosidade e funcionalidade das foliadas do verán”. A cita foi tamén unha oportunidade para coñecer a enorme diversidade do patrimonio inmaterial galego, así como o rigor co que traballa a asociación de Sobradelo.
A programación das Letras Galegas continúa. Entre as próximas actividades está o Festival escolar que se celebrará o xoves no Auditorio, así como o obradoiro ‘A maxia dos libros’, na Biblioteca Municipal o venres ou a proxección de ‘Antes de nós’, en colaboración con Ádega.










