Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Vilagarcía

Mondra inaugura un mes das Letras con tradición, cine, folclore e lingua

Vilagarcía programa un regueiro de actividades arredor do 17 de maio, que este ano leva o nome de Begoña Caamaño

Unha celebración anterior das Letras Galegas en Carril
Unha celebración anterior das Letras Galegas en Carril
Mónica Ferreirós
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620

Vilagarcía pon este ano toda a carne na grella para conmemorar as Letras Galegas que, nesta edición, xirarán en torno á figura da xornalista, galeguista e feminista Begoña Caamaño. A capital arousá programa un regueiro de actividades que se espallan durante varios días, probablemente a edición más ambiciosa dos últimos anos para celebrar esta efeméride. Así pois os actos non só se centrarán en Carril – como era habitual– senón que haberá unha serie de propostas encamiñadas a tocar todos os ámbitos locais.

A programación especial arrinca este martes nos institutos IES O Carril e IES Armando Cotarelo. Será aí donde o polifacético artista Mondra dirixirá un obradoiro escolar sobre a música tradicional. O obxectivo é o de achegar á xente nova outra forma de ver o baile e a música da terra. Trátase dunha actividade innovadora e unha forma de sementar cultura e indentidade entre a mocidade. De feito Mondra xa estivo nunha proposta similar no IES Cabanillas de Cambados.

A seguinte parada no programa é o sábado 9 no Auditorio. Ás sete da tarde será o tradicional Festival Nós de Sobradelo, que terá como agrupación convidada a Mocedade da Torre 83. A entrada é libre ata completar a capacidade.

Implicar ao alumnado

As propostas para este mes da lingua seguen o xoves 14 no Auditorio. Centos de nenos e nenas dos centros escolares da localidade representarán as propostas que teñen preparado nas súas respectivas aulas co gallo das Letras Galegas. Como recompensa ao traballo realizado a Concellería de Cultura faralles entrega de lotes de libros para nutrir así as bibliotecas dos colexios.

O venres 15 a proposta cultural é dobre. Por unha banda ás seis da tarde a biblioteca municipal Rosalía de Castro acollerá unah sesión de maxia con Nami e o Mago da Boina. Eles darán vida a diversos fragmentos dos libros de “Crónicas do Mago Errante”. A actividade é para un público familiar e a entrada é libre.

O venres día 15 proxectarase no Salón García de forma gratuíta o filme sobre a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ‘Antes de nós’

Ás oito e media da tarde a proposta do Concello trasládase ao Salón García coa proxección do laureado filme ‘Antes de nós’, un relato que descobre as dúas facetas do intelectual rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A entrada é gratuíta. Ao día seguinte – sábado 16– é a quenda do teatro nese mesmo escenario da man da compañía Avelaíña coa obra ‘Almas na gloria: Don Paco’. Unha versión particular arredor de galegos ilustres como Fernández del Riego, Cunqueiro ou Carballo Calero.

O día propio

O 17 de maio, que este ano cadra en domingo, a actividade trasládase como é habitual a Carril. A xornada comezará ás 11 co pasarrúas a cargo de Malveiras e será xusto despois, ás doce, cando haberá baile tradicional desta mesma formación e da Escola Gato Negro. Ás doce e media será a ofrenda a Rosalía e á unha arrincará o concerto a cargo de Antonio Barros e iAlma, ‘Terra nosa’, na Praza da Liberdade. O espectáculo ten un formato acústico con voz e piano e parte de cancións moi coñecidas da tradición popular galega.

Xa o sábado 23 na biblioteca municipal haberá sesión de contacontos ás doce da man do Colectivo Xurelo, na que se poñerá de relevo a figura de Begoña Caamaño. Ás seis no Salón García culmina o programa cos monicreques ‘As sete boinas do aviador”, con entrada gratis.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620