Xermán Torres | “Ler é vivir, porque permite que a xente goce de cousas das que estaría privada”
Xermán Torres é o presidente e fundador da Mesa das Verbas, un colectivo de amantes da literatura e a poesía que naceu ó amparo do desaparecido Liceo Casino
Xermán Torres é o presidente e fundador da Mesa das Verbas, un colectivo de amantes da literatura e a poesía que naceu ó amparo do desaparecido Liceo Casino, do que Torres era vicepresidente e encargado de Cultura. Hoxe fálanos de se a poesía ten presente e futuro en Vilagarcía.
Como define a Mesa das Verbas?
Un grupo de amigos, aberto a todo o mundo, no que nos gusta moito a lectura e a escritura, fundamentalmente en galego, pero non rexeitamos outros idiomas. Tense recitado en polaco, francés, inglés, portugués... Pero a nosa función principal é a creación de actividade en lingua galega.
Que actividades fan?
Moitas e variadas. Primeiro, facemos unha tertulia todos os venres, á que pode acudir quen queira, dende as 18:00 en adiante. Logo, mensualmente, celebramos un recital poético aberto. Levamos 159 meses seguidos realizándoo. O primeiro foi o 21 de xaneiro de 2011. Tamén moita xente nos pide colaboración para presentación de libros e, doutra banda, dúas veces ó ano editamos unha revista poética que se chama Anaco, que está aberta á participación dos socios ou de quen queira publicar. Asimesmo, estamos a preparar unha antoloxía, Mesa das Verbas I, que nos vai financiar a Secretaría Xeral da Lingua.
Nesas tertulias que fan os venres, de que se fala e onde as fan?
Falamos de literatura, de actualidade... Sempre o facemos nun sitio de hostelería de Vilagarcía. Empezamos no mítico La Marina, pero dende hai meses celebrámolas no Gambrinus, no Centro Comercial Arousa, que colabora moito connosco.
Que acollida teñen este tipo de eventos relacionados coa literatura e a poesía? Hai afición?
Hai o mito de que é unha cousa minoritaria. Non é algo masivo, como o fútbol, pero así a todo, antes da pandemia nos recitais xuntabámonos entre 60 e 100 persoas. Despois da pandemia baixou un pouco, pero estamos entre 20 e 30 persoas, que para este tipo de cousas é significativo. No mes de agosto sempre facemos un recital poético aberto na Praza de Galicia e aí si que se xunta moita xente vendo un espectáculo que combina música e poesía. Agora estamos preparando unha cousa que nos fai moita ilusión: unha xeira a Rianxo. Alí pasaremos o día, comeremos e farémoslle unha homenaxe a un gran poeta de alí que estivo case silenciado, Manuel Antonio. Ademais, algo moi importante para Vilagarcía foi que o 29 de agosto de 1932 estivo aquí, co grupo universitario La Barraca, Federico García Lorca, representando teatro clásico. Por desidia e descoñecemento non se valora nin se organiza algo. Nós estamos preparando, coa colaboración do Concello, unha xornada que será o 26 de agosto, lembrando esa visita.
Con que obra recomendaría comezar, para interesarse pola poesía?
Hai que buscar algún libro bonito e de aí vas dando pasos. Eu fun mestre e utilicei moito na escola un precioso, titulado “Os soños na gaiola”. É un poemario de Manuel María, específico para nenos. Algúns versos din “Galicia, docemente, está ollando ó mar. Ten vales e montañas e terras para labrar. Ten portos mariñeiros...” Fala de Galicia, dos animais, da paisaxe... E en castelán están moi bonitos os discos que lle fixo Serrat a Antonio Machado e Miguel Hernández. É unha maneira de empezar. Outro poemario moi interesantes é “Compostela e as camelias”, dunha poeta de aquí, Xaquina Trillo.
A nivel de socios, como van?
Que paguen a cuota, que son 20 euros ó ano, son unhas 30 persoas. Hai outras que non a pagan por dificultades, pero son socios igual. Xa nos estatutos se di que a ninguén se lle impedirá a entrada na asociación por razóns económicas. Logo hai xente que non paga porque non quere e veñen ás actividades. Isto molesta ós que si pagan, pero eu digo que é unha decisión persoal. Hai xente máis agarrada. Pobres eles. Nós temos unha razón altruista. De feito, sempre tivemos unha razón social importante, porque hai xente de todas as idades. Dende preto de 100 anos, 40, 60... Os mozos utilízannos: veñen, teñen o seu minuto de gloria e desaparecen. Pero xente de idades avanzadas collen a ilusión de participar e iso é moi bo. Acórdome de María Palacios, que con case 90 anos dicía “sois mis ángeles”.
Tamén organizan concursos literarios...
Si, estamos agora co das Letras Galegas, que é a sétima edición.
Hai calidade nos participantes?
Si, si. Colabora a Xunta de Galicia e tamén o Centro Comercial Arousa e participa moita xente de distintos puntos de Galicia. Na edición pasada presentáronse preto de 60 traballos con bastante calidade. O 3 de maio finaliza o prazo e faremos a entrega de premios o día antes das Letras Galegas. Este é de relato curto e temática libre, cunha extensión mínima e máxima dun folio. Logo temos outro concurso, no mes de decembro, que é o Xaquina Trillo, que imos ter a sexta edición.
Suelen estar moi reñidos?
No último Xaquina Trillo houbo moita calidade. De feito, os premiados foron xente de moito palmarés e moi premiados. Pero o sistema vai mediante plica, é dicir, só se sabe a información dos que gañan, despois de ter outorgado o premio á obra. Ó resto quedan no anonimato.
Non sei se estivo ó tanto dunha polémica xurdida en redes á raíz dunha influencer que afirmou que non lía e que a xente que o facía non era mellor que a que non. Que opinión lle merece?
Eu son un gran lector e penso que a lectura non prexudica, senón que enriquece. Ler facilita que as persoas gocen de cousas que, se non lera, estaría privado delas. Ler é vivir. Hai de todo: novelas, poesía, teatro... Que, por certo, estamos preparando o segundo concurso de creación de textos de teatro en lingua galega, que se chamará Manuel Rey Pose, gran artista vilagarcián. Así que animo á xente a participar creando textos teatrais en galego.
