Marta Cousiño | “Hai xente que, por vergoña, chega a nós cando xa non ten nada que comer”
Creada no 1987 para loitar contra a exclusión social e a pobreza en Galicia, hoxe en día atende un perfil de persoa necesitada que mudou
Marta Cousiño é traballadora social na Fundación Amigos de Galicia, en Vilagarcía. Hoxe fala con nós de como mudou o perfil de persoas que solicitan axuda e de como eles non só lles proporcionan ese apoio, senón que loitan por darlles algo máis importante: independencia.
Cal é o perfil das persoas que piden axuda a Amigos de Galicia?
O perfil foi mudando a través dos anos. Anteriormente eran persoas cunha exclusión xa cronificada. Hoxe en día, para nada. Son familias as que acoden a nós. Algunhas con situación de desemprego dos proxenitores, pero en moitos casos si teñen empregos en condicións precarias que, debido ós custes da vida hoxe en día, non lles permiten cubrir os gastos básicos. Tamén hai un peso importante de solicitantes que son familias monoparentais e de persoas inmigrantes.
A principal demanda, entón, sería cubrir necesidades básicas...
Efectivamente. A porta de entrada suele ser esa, ou por gastos de alugueiro e de menores: clases de reforzo, material escolar, vestimenta e calzado... Pero na entidade nunca nos quedamos nesa porta de entrada e imos máis aló, traballando orientación laboral ou coberturas médicas.
Amigos de Galicia actúa en moitos ámbitos. Cóntenos un pouco como traballan en cada un deles.
No departamento de traballo social valoramos a situación, que sería o prioritario e o máis urxente para cubrir. Sempre intentamos priorizar ós menores e os proxenitores son derivados a orientación laboral, para lograr a súa independencia. Tamén contamos cun departamento de psicoloxía, que cada vez está cobrando máis peso na entidade. Traballan en centros escolares e fan intervencións en materia de sensibilización, porque estamos tendo datos tan graves como intentos de suicidio ou autolesións. Tamén se traballa en temas de igualdade, voluntariado, etc. Doutra banda, temos o colectivo das persoas maiores, para as que temos talleres de dixitalización. Fanse dende 2022 e seguimos tendo gran demanda deles. Ademais, o ano pasado comezamos cun programa novo, “Coidando en benestar”, debido a que cada vez hai máis persoas en situación de dependencia. Temos o copago do servizo de axuda a domicilio e a entrega de material ortoprotésico.
Teñen cifras de a cantas persoas poden estar axudando?
No ano 2025 foron 13.612 atencións na Comunidade Autónoma, das cales o 31% está na provincia de Pontevedra. A nivel orientación laboral foron 11.751 atencións, das cales houbo 1.903 insercións laborais. Tamén traballamos con eles a independencia para a búsqueda dese traballo. Hai xente que non ten un currículum ou ten que aprender a usar as novas ferramentas de búsqueda de emprego.
Nas campañas de recollida de alimentos, roupa, material escolar... É a xente da comarca solidaria?
Aquí en Vilagarcía sempre temos punto de recollida en Alcampo e a xente segue sendo solidaria, aínda que moitas veces non é a que mellor o está pasando nese momento. Pero si que vemos unha diminución na colaboración. Entendemos que a situación das familias é máis difícil, pero non sempre hai que colaborar con algo material. Tamén agradecemos a aportación de tempo sendo voluntario.
Como organizan despois o reparto deste material que se recolle?
Para o material escolar, dependendo do ciclo escolar no que vaian os nenos, van recibir un material ou outro. Hai algún que xa sabemos que é moi difícil que nos donen, como mochilas ou material informático, pero dese faise cargo a entidade.
Como se financian? Hai socios?
Hai programas que temos financiados pola Xunta. A Consellería de Política Social é unha fonte moi importante para nós, e a Dirección Xeral de Inclusión. Logo, empresas, e unha parte moi imprescindible son os socios. En total temos uns 930 e a cuota son 250 euros ó ano. Unha información moi importante é que o 80% pódese desgravar, de forma que eses cartos volven. Se non se pode ser socio, tamén poden facer doazóns puntuais.
Á xente que desconfía de onde van eses cartos, que lles diría?
Respáldanos que temos todas as contas auditadas e unha auditoría externa todos os anos. Non hai volta de folla.
Como vai a aula de formación que inauguraron en decembro?
Necesitabamos un lugar axeitado para facer as formacións e inauguramos esa aula na sede que temos na avenida López Ballesteros. Nela xa realizamos tres formacións, dúas de orientación laboral e unha para maiores.
Como se xestiona emocionalmente ver tantas historias duras?
Non suelen vir a nós con boas novas, entón xa o temos de base, pero é importante ter fortaleza para transmitirllo a eles, aínda que moitas veces é complicado. O noso maior reto é que aínda queda moita xente que precisa axuda.
Algunha historia que recorde?
Un matrimonio que veu de El Salvador con tres nenos e non podían traballar por falta de permisos. Pero traballamos con eles, ela conseguiu incorporarse ó mercado laboral, amoblámoslles a vivenda enteira... E a día de hoxe seguimos traballando con ela, que xa está soa, pero está totalmente implicada e é a primeira en ser voluntaria.
Hai aínda vergoña de ter que acudir a pedir axuda?
Totalmente. Hai xente que incluso chega a nós en momentos de desesperación, de dicir “non teño que comer”, como último recurso. Non é agradable non poder cubrir as necesidades básicas, pero mantemos a intimidade ó 100%. Nunca facemos unha entrega de alimentos directamente, nin nun sitio público. Sempre é a través dun supermercado. O noso fin é ter que un día deixar de axudar. É complicado, pero a nosa mellor noticia sería esa.
