Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Asociación Cen Pés

José Gago | “En 300 rutas que levamos feitas só tivemos dous percances. Temos unha flor no cú”

Unha tormenta de ideas a bordo dun bus levounos a bautizarse así, xa que eran 50 persoas as que conformaban o grupo naquel momento

José Gago é o presidente de Cen Pés, asociación vilagarciana de sendeirismo con máis de 20 anos de vida e miles de quilómetros ás costas. Hoxe cóntanos como organizan as rutas, cada canto as fan e cal é o próximo destino que teñen previsto.

Cantos anos levades camiñando?  Levades conta dos quilómetros que tedes andado?

Levamos máis de 20 anos, cun promedio de 15 rutas por ano, pois 300 rutas mínimo. Non levamos conta dos quilómetros, pero agora non andamos tanto coma antes, porque imos medrando en idade e diminuíndo en capacidades. Temos unha media de idade de xubilados. E, de facer rutas de 15, 17 ou 20 quilómetros, agora facémolas de 12.

Como naceu Cen Pés?

Como tal fundouse no ano 2010, coincidindo co Ano Santo. Ese ano fixemos o Camiño Francés dende Vega de Valcárcel e aí decidimos fundar a asociación, porque antes dependiamos do Liceo. De feito, quero facerlle un recoñecemento a Manuel Eiras, actual vicepresidente e fundador. Un día fixemos unha tormenta de ideas no autobús e, como eramos 50 persoas, 50 por dous pés cada un: Cen Pés.

Cantos son agora mesmo?

Neste momento, 92. Gustaríanos contar con máis xente nova, pero os domingos non queren madrugar (ri).

Sempre saen en domingo?

Si. Porque hai xente que traballa. Houbo un momento en que tiñamos bastante xente nova, pero ser pais condiciona e non poden vir.

Cada canto fan ruta?

Facémolas cada tres semanas. Primeiro imos tres ou catro, que somos os guías, a visualizala, ver se hai algún perigo ou descartala. Este ano, de feito, descartamos dúas, porque coa choiva estaban impracticables.

Como fixeron este ano con tantas semanas seguidas de chuvia?

Temos un lema que é: non compito, desfruto. Se vemos a previsión do tempo e vai chover, descartamos. Se estás en ruta e chove, pois levamos paraugas, chubasqueiro... pero non desfrutas. En febreiro descartamos tres veces saída.

As rutas son só en Galicia?

Imos fóra tamén. Fomos polo menos seis veces á zona de Cantabria, Asturias, Picos de Europa, Parque Nacional de Redes, de Somiedo, los Arribes del Duero, la Alberca, Sanabria, El Bierzo... E o norte de Portugal, de Viseu para arriba, moito.  

Nunca repetiron ningunha ruta?

Igual algún tramo, pero non.

Cal é a próxima?

Agora imos á Ecovía do Miño, desde Vila Nova de Cerveira ata Caminha, pero cunhas variacións para que non sexa tan monótono.

Como se organiza a loxística destas rutas?

Imos en bus. Somos 55 persoas porque son as prazas que ten o bus e moitas veces temos lista de agarda para participar, porque somos 92. Hai outro bus de 60 prazas, pero hai sitios nos que non colle. Por iso imos visualizala primeiro.

Que custe ten?

Sempre imos para comer, así que anda sobre os 35 euros. Pero dende a pandemia, conseguir sitio que acolla 50 persoas un domingo está complicado.

En tantos anos, algunha vez tiveron algún percance?

Parece que temos unha flor no cú, porque só tivemos dous percances. Unha vez, unha compañeira, cruzando por unha pasarela de madeira en Cotobade, esvarou, caeu e tivo que dar volta. E hai dous anos, querendo sacar unha foto en Viseu, outra compañeira subiuse a un valo, deu un traspés para atrás, caeu e rompeu un cóbado.

Que equipación é necesaria?

Para admitir á xente pedimos calzado apropiado para ir ó monte e bastóns de montaña.  

E despois cada un vai ó seu ritmo ou como organizan?

O guía que vai diante, establece o ritmo. Vai un diante, outro no medio e outro detrás, que é o que pode dicir que baixemos o ritmo se queda xente atrás. Sempre facemos unha parada no medio da ruta para agruparnos, repoñer forzas e demais.

Desas 300 rutas que fixeron, recorda algunha que lle gustara especialmente?

Moitas. É moi difícil escoller. Pero o orgullo de moitos foi no Courel onde, dando volta ó pico Formigueiros, caeunos unha nevada con ventisca que incluso asustou a algúns. E é a nosa foto de whatsapp.

O grupo nunha das súas saídas
O grupo nunha das súas saídas
| Cedida

E nesta comarca hai algunha recomendable?

A clásica é a Ruta da Pedra e da Auga, que é moi bonita, pero na zona de Porto do Son hai moitas, en Ribeira, na Pobra do Caramiñal...

Algún consello para alguén que queira facer sendeirismo?

Primeiro, que adestren. Facer algunha camiñata con exercicio de cardio. É dicir, subir algunha costa esixente, baixala... para ver como te encontras. Cando vén alguén novo sempre lle preguntamos que hábitos ten e dinche que si, que están acostumados... pero por prudencia tratamos nas rutas de poñer puntos de escape co bus, por se alguén quere saír, que corte alí, e imos vendo como se manexan.  

Que beneficios notan que trae o camiñar?

Á parte de que a saúde de máis dun o agradece, este grupo somos terapia para quen ten dificultades. Porque imaxínate andar máis de catro horas, sempre acompañado. Fálase moito, tanto que temos que ir pendentes os guías porque máis dun, cando hai un cruce, segue andando. E xa hai varias parellas que se formaron dentro de Cen Pés. Sempre digo que hai sitios en Galicia que se non vas así, é imposible chegar a coñecelos.