Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Vilagarcía

Sandra García | “Queremos ser un punto de encontro para expresar as nosas inquedanzas”

Asociación Mulleres en Igualdade Constituíronse no 2011 baixo outra directiva e, tras un periodo longo de parón, dende hai un ano están retomando a actividade.

Sandra García é dende hai un ano a presidenta de Mulleres en Igualdade, un colectivo feminista que levaba tempo parado e que agora queren reactivar. A idea é ser un lugar onde se reúnan elas e falen con distintos colectivos, para tratar do que preocupa ás mulleres do Salnés.

Leva un ano no cargo, como está actualmente a asociación?

Estamos nun proceso de renovación, de facer unha nova folla de ruta, de captar voluntarios para organizar actividades e reunirnos con distintos colectivos.

Custa captar xente?

Non, porque máis ou menos mantemos as socias que tiñamos dende o inicio, somos unhas 20 compañeiras. Temos de todas as idades e profesionais de distintos sectores.

Que iniciativas levades a cabo?

O que buscamos é ser un punto de encontro. Ter un lugar onde reunirnos, expresar as nosas inquedanzas e o que nos preocupa como mulleres. A última reunión que tivemos con colectivos foi con Salnés Empresarial, para falar da situación da muller a nivel empresarial en Galicia e en Vilagarcía.

Cada canto vos xuntades e onde o facedes?

Xuntámonos cando podemos, porque é complicada a conciliación persoal, laboral e o asociacionismo. Cando atopamos un oco, si que valoramos ese momento de encontro. Ó mellor non nos reunimos todas, pero si unha pequena representación. Adoitamos facelo nalgún local público ou algunha asociación nos comparte o seu local.

As que queiran contactar con vós, como poderían facer?

Pois este é o momento ideal, que estamos neste proceso de renovación. Temos o noso correo electrónico, amivilagarcia@gmail.com. Dende aí poden poñerse en contacto para, cando fagamos esas quedadas, avisarlles e que sexan partícipes do que facemos.

Cando vos xuntades para falar desas inquedanzas, cal é a que máis sae nombrada?

O tema da conciliación. As mulleres, ó final, son as que paran para coidar. A conciliación limita moito o avance profesional, porque tes unha xornada laboral retribuida e despois tes unha dobre xornada na casa, de coidados e traballo doméstico. Iso afecta a todos os ámbitos: acceso a postos directivos... Aínda que aquí en Galicia somos referentes. Mentres que en España só o 38% das mulleres están en postos directivos, en Galicia é o 41%. Con todo, son mulleres maiores de 55 anos. Nótase que non hai mulleres novas neses postos directivos.

Participastes no pasado 8M?

Cada unha fixo como puido (ri). Algunha compañeira foi a algún foro, eu asistín á lectura do manifesto no Concello, pero o Día da Muller son todos os días. Se temos a obriga de asistir ese día... Pois tampouco é o obxectivo.

Pero segue sendo necesario reivindicalo, non si?

Si. Porque aínda hai moito polo que loitar. Hai unha igualdade formal, de que somos todos iguais ante a lei, pero existe unha fenda e non todos temos as mesmas oportunidades.

Tedes redes sociais?

Aínda non. É un deses traballos que temos na nosa folla de ruta, para dar a coñecer o que facemos.

Tedes medo de recibir comentarios negativos, como lles sucede a outras asociacións feministas?

Como diría miña nai, “medio mundo critica á outra metade”. Temos que estar por riba desas críticas baleiras, que non aportan nada e buscar accións ou medidas para seguir adiante para reducir esas desigualdades.

Credes que estamos retrocedendo ó volver cuestionar asuntos superados como o tema da violencia de xénero?

Teño as miñas dúbidas de que estiveran superados, porque se botamos a vista atrás, temos as mesmas problemáticas ca nos anos 40. As mulleres seguen morrendo por violencia de xénero, que é a representación máis brutal de desigualdade. Este ano morreron 10, o ano pasado 46. É como se estivesemos xa afeitos. Doutra banda, segue habendo sectores moi feminizados. A maior parte das mulleres adícanse ó sector servizos e traballos con retribucións máis baixas... Son problemáticas que se repiten e non superamos.

Como empezou a vencellarse coa asociación?

A raíz dunha compañeira. Xuntabámonos e xurdiu esa idea de formalizalo. Despois, entrei a presidir porque nos daba pena que estivese inactiva e queriamos reactivala despois de estar bastante tempo parada.

Por onde vos gustaría comezar a reactivala?

Xa tivemos encontro con algunha asociación e o noso obxectivo é ese: reunirnos con distintos  colectivos, para que nos manifesten as necesidades  que teñen as mulleres na zona do Salnés.

Entendo que os homes tamén forman parte desta loita con vós, non?

Si. A igualdade é cuestión de todos, non só da metade da poboación, porque nos afecta a todos. O que queira aportar, por suposto que o aceptamos na asociación.