Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Asociación As Gharbosas do Piñeiriño

Laura Suárez | “A foliada é a festa definitiva e, para min, as Gharbosas son o meu fogar”

Formouse o ano pasado pola necesidade que sentía un grupo de mulleres de reunirse, tocar e bailar xuntas, sen ánimo de subirse a un escenario nin gastar demasiados cartos

Mariló Ramos é a presidenta das Gharbosas do Piñeiriño e Laura Suárez, a secretaria. Ambas falan hoxe con nós e amósanse orgullosas deste grupo de mulleres (e tres homes) do que forman parte e que está dando aínda máis vida ó seu barrio.

Mariló, por que decidides formar as Gharbosas?  

Empezamos o ano pasado por unha demanda dun grupiño moi reducido de mulleres, de recibir clases sen ánimo de subir a un escenario nin ter que gastar cartos en roupa tradicional. Simplemente polo feito de aprender, pasalo ben e convivir entre nós. E estamos moi contentas. Vese que non era só unha necesidade dun grupiño reducido.

Cantas sodes e de que idades?

Somos unhas 40. A xoia da coroa son as once  “mini gharbosiñas”, de tres a seis anos. Tocan, cantan, bailan... Cáenos a baba.

E sodes só gharbosas ou tamén hai gharbosos?

A maioría somos mulleres, pero estamos abertas. Temos tres homes.

Pódese empezar dende cero ou hai que ter algún coñecemento?

Pódese empezar dende cero. Temos tres niveis de pandeireta: As de iniciación, que comezaron en outubro desde cero e, se as escoitas tocar agora, non dirías que son de iniciación. Despois están as de perfeccionamento, que empezaron o ano pasado, e avanzado. E en baile hai dous niveis.

Cando e onde ensaiades?

Ensaiamos os xoves no local do Piñeiriño, que nolo cede a asociación Breogán, á cal estamos eternamente agradecidas. Son súper colaboradores, un dez. Un dos nosos grandes acertos foi petar nesa porta, porque ó principio non tiñamos onde caer mortas e foi complicado. Cada vez que un se daba de baixa pasabamos medo. Pero somos un grupo moi resiliente e sempre sobran mans para axudar. Estou moi orgullosa deste grupo.

Que cuota se paga?

Son 25 euros por aula. E logo fixémoslle un guiño ás familias. Se son tres persoas, en vez de 25, pagan 20; se son catro, en vez de 25 pagan 15... Imos reducindo.

O próximo 13 de xuño tedes a I Foliada do Piñeiriño... Como vai?

Si! Tocaches aí na chaga (ri). É a nosa ilusión. Estamos adicándolle máis horas das que temos e apostando por unha foliada participativa, á que veñan todas as asociacións de Vilagarcía e arredores, na que estean as artesás do mundo tradicional... Un sitio onde poder comer e pasar o día, tipo romaría... Pero está todo moi verde. Estamos petando en varias portas: Concello, que parece que pode colaborar, Deputación e Xunta. A ver que podemos arañar, porque non temos un can.

Tamén facedes foliadiñas. Que diferencia hai coa foliada?

Nas foliadiñas somos nós que nos xuntamos para tocar e quen se queira sumar, estupendo.

Ten algunha complicación o papel de presidenta?

Temos unha equipa directiva de dez, así que non me está custando nada. Eu son presi pero podería ter sido calquera delas.

Laura, no Nadal fostes polo Piñeiriño tocando e animando... como respondeu a xente?

Unha xuntanza de integrantes deste colectivo
Unha xuntanza de integrantes deste colectivo
Gonzalo Salgado

Xurdiu este ano porque nos gustaba recuperar esta tradición que hai en moitas zonas de facer xaneiras ou cantos de Nadal. Fomos falar cos bares e comercios, para avisalos de que iamos ir tocar, xa que facemos barullo (ri). Fixemos un canto de Nadal e un pouco do noso repertorio tradicional e fomos cantando polos bares cun horario pechado, que logo non era pechado, porque parabas nun bar e pedíanche outra e outra! Para o ano repetimos.

Tamén facedes obradoiros. Un moi curioso foi de aprender a tocar culleres, latas... como xurdiu?

Na cultura tradicional de tocadoras e pandeireteiras, moitas veces as pandeiretas escaseaban e o normal era tocar co que se podía: culleres, latas, pratos, cunchas... Son ferramentas ás que se lles chama de percusión miúda, pero teñen unha sonoridade moi fermosa. Tiñamos esa inquietude de aprender a tocalas e fixemos un obradoiro. Tivemos unha afluencia moi interesante, eramos preto de 25. A meirande parte socias, pero tamén veu xente de fóra. Para socias era gratuíto e para non socias custaba 10 euros.

Precisamente, como non todo o mundo ten pandeireta, para ir tocar con vós, poñedes vós os instrumentos?

É algo que estamos barallando, porque moita xente se anota para probar, pero en dous meses non continúa. Entón, estamos vendo de facer nós acopio e ter no inventario algún instrumento para que a xente que empeza non teña que mercalo xa.

Non sei cando empezaches ti tocar, pero que é o máis difícil?

Empecei moi pequena, pero logo parei na adolescencia. De pandeireta quizais o máis difícil é aprender que tes que mover a man dominante. Porque a pandeireta cóllela coa dominante e tócala coa non dominante. Pero a dominante tamén hai que movela igual. No baile, o máis difícil pode ser identificar o que está soando para saber o que vas bailar. Non é o mesmo o ritmo de xota que o de muiñeira.

Que aporta estar nun grupo como o voso e como animariamos á xente a unirse?

Para min é o meu fogar. Estou desexando que cheguen os xoves e sempre se xera un ambiente moi chulo. O que máis me encanta é que aprendo moitísimo nas aulas para ir ás foliadas e sacar un punto ou arrincar a tocar. Diríalle á xente que a foliada é a festa definitiva. Ir a unha e poder desfrutala sabendo o que fas, é super divertido.