Vilagarcía celebra o Día do Cómic cunha mostra bibliográfica sobre os superheroes de Marvel
Exporase unha pequena selección de publicacións na biblioteca Rosalía de Castro

Vilagarcía conmemorará este martes o Día do Cómic e do Tebeo. Farao cunha exposición bibliográfica centrada nas publicacións que introduciron e fixeron famosos no país aos heroes de Marvel e na editorial que o fixo posible. A mostra titúlase "A popularización dos superheroes Marvel en España: Ediciones Vértice" e estará dispoñible ao longo de todo o mes.
Na exposición os visitantes poderán ver unha pequena mostra de cómics de Vértice, facendo percorrido pola traxectoria e evolución destas publicacións gráficas: dende as bandas deseñadas editadas no coñecido como formato "taco", ata a adaptación ao caderno de 1974, pasando pola introdución da cor nas historias marvelianas no ano 1979. Ademais dos protagonistas máis relevantes tamén atoparán na exposición tebeos de personaxes menos populares, como Red Sonja ou Power-man.
Os cómics estarán á vista nas vitrinas da Biblioteca e poderá consultarse algún deles, previa solicitude ao persoal bibliotecario. A mostra incluirá bandas deseñadas máis recentes do mundo dos superheroes.








