Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Vilagarcía

Daniel Abad | “Chegamos a dar clase para unha soa persoa e agora temos lista de agarda”

Naceu a raíz dun curso de danzas do mundo organizado polo Concello de Vilagarcía que, tras desaparecer, deixou nos seus alumnos o desexo de continuar danzando

A Asociación Pesdebarro nun dos seus encontros na Praza da Peixería de Vilagarcía
A Asociación Pesdebarro nun dos seus encontros na Praza da Peixería de Vilagarcía
Gonzalo Salgado
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620

Daniel Abad é o secretario de Pesdebarro, asociación que leva 15 anos promovendo a danza e cultura tradicionais. Hoxe fálanos do pasado, presente e futuro do colectivo. 

Comezastes a raíz dun curso do Concello, non si?

Si. Levamos oficialmente dende 2011, pero xa comezaramos antes, como alumnos dunha actividade que fixera o Concello de Vilagarcía dende a Concellería de Cultura de Castro Ratón, de danzas do mundo e baile tradicional. Co cambio de goberno non se quixo seguir co tema e decidimos montar a asociación. Comezamos con danzas do mundo e baile tradicional e fomos aumentando con pandeireta, facendo actividades mensuais ou bimensuais para crear comunidade.

Danzas do mundo que inclúe e como as aprendiades?

Todo. Dende danzas letonas, gregas, inglesas, de toda América... Viña unha moi boa profesora, Mercedes Prieto, e nolas explicaba. Cando ela xa non puido vir, continuamos con outra compañeira, ata que houbo que deixar.

O evento máis destacado que organizades é o Folk no Alobre. Como vai a preparación da décima edición?

Estamos falando con diferentes grupos para traer novidades. Sempre apostamos por grupos pequenos ou medianos, para darlles unha visibilidade que non teñen noutros festivais.

Como explicaría que é o Folk no Alobre, para quen nunca foi?

É un festival completamente aberto e de balde e animo a todo o mundo a asistir. Empezamos pola mañá cun roteiro para coñecer Vilagarcía, seus nomes antigos, a tradición un pouco perdida... E imos camiñando cara o castro Alobre, onde explicamos como se recuperou e o significado que ten para Vilagarcía. Rematamos no parque do Castriño explicando as árbores, que tamén é unha parte moi importante da contorna.

A xente está máis ou menos interesada en achegarse á cultura tradicional que no 2011?

Houbo un momento no que foi a menos, pero volveu haber un interese. Houbo momentos nos que demos clases cunha soa persoa, tanto en pandeireta como en baile galego, pero tiñamos que seguir apostando. E iso deu os seus froitos, por exemplo, en que agora hai unhas pandeireteiras que están indo a seráns e actividades dentro e fóra da comarca.

Imaxe de membros da asociación nunha foto de grupo
Imaxe de membros da asociación nunha foto de grupo
Gonzalo Salgado

Canta xente sodes en total?

Seremos sobre unhas 40 ou 50 persoas. E en pandeireta están sendo sobre 15 persoas.

Como se organizan as clases?

Agora mesmo non hai niveis, porque xa hai un grupo importante de persoas acudindo e hai unha lista de espera grande para comezar. Iso é un orgullo e un éxito. Hai clase todos os mércores, na praza da Peixería, de 19:30 a 20:30 e de 20:30 a 21:30 e o custe é de 12 euros ó mes para socios e 15 para non socios.

Fixestes en decembro a vosa primeira ruada. Como foi?

Fixémola na praza de abastos porque queriamos facer algo máis pechado. Participaron moitos grupos: Gharbosas, Mocedades da Torre, Demos da Petaca... As nosas pandeireteiras foron as que levaron a organización completa do evento, preguntando e buscando patrocinadores polos distintos comercios locais e da praza, que apostaron polo evento. E repetiremos. Que conte para decembro toda a xente coa ruada.

Entre os talleres que facedes estivo un de fabricación de instrumentos.

Queremos que a xente entenda de onde vén todo. Fixémolo na casiña de Lobeira, un recinto que nos deixou un membro da asociación. Preparamos o marco do pandeiro, puxemos as peles e aprendemos a tocalo. Aprendeunos o profesor Lucio todo o relacionado con ese tema.

Que é o proxecto Pipo nas Illas?

Estamos cada ano facendo pequenas obras de teatro, subvencionadas polo Parque Nacional das Illas Atlánticas, para que os nenos dos coles ós que imos teñan coñecemento de toda a contorna arredor de Vilagarcía.

Que desexo tería para o futuro de Pesdebarro? Que entre a xente da lista de agarda, non?

Si. Poder abrir un pouco máis as clases para ter base e que isto continúe, tanto nas clases como na directiva, porque é importante ter ideas novas.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620