Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Vilagarcía

Sandra Bastos: “Nós precisamos estar xuntos e xuntas, homes e mulleres”

A Coordinadora de Benestar e Igualdade da Deputación defende traballar cun enfoque transversal cos demais servizos, pero mantendo a independencia da área para outorgarlle a importancia que merece

A coordinadora durante un evento do organismo provincial
A coordinadora durante un evento do organismo provincial
Cedida
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
0620_liceo_redideal_251121_tamara

Exdeputada provincial de Igualdade e actualmente coordinadora do servizo no mesmo organismo, Sandra Bastos traballa dende a Deputación de Pontevedra para lograr o obxectivo xeral da área, como é a consecución da igualdade real e efectiva para as mulleres e os homes en todos os ámbitos da vida política, económica, cultural e social da provincia.

Como abarca a Deputación a igualdade de xénero?

Nós o que traballamos é, sobre todo, en manter a área de Igualdade de maneira independente, co seu orzamento –que se vai ampliando ano a ano– , pero tamén tratando de colaborar de maneira transversal con todos os demais servizos.

E, ademais, buscamos poñer en valor o papel das mulleres nas diferentes áreas a través do noso Ateneo Provincial pola Igualdade, con científicas, investigadoras, escritoras… todas os sectores que se poidan abarcar.

Son varias as iniciativas que impulsan e axudan a involucrar á cidadanía neste tema. Como é a súa acollida?

Moi boa a verdade. Por exemplo o programa +Xuntas, que son obradoiros que se ofrecen ás entidades, pois dotámolo de máis presuposto porque a súa boa acollida fixo que houbese máis solicitudes, e non queremos que queden asociacións na lista de agarda.

Outro programa que funcionou moi ben o ano pasado, e co que imos a continuar este, é “Mulleres de Palabras” , no que contamos con poñentes de todas as idades e co que se pretende poñer en valor ás nosas escritoras, porque ao mellor non se lles da a mesma visibilidade que aos homes. E a través deste programa tamén impulsamos obradoiros relacionados coa escritura, pero máis no rural, pois ao final as cidades soen ter máis oportunidades deste estilo.

En canto ás agresións machistas, como traballan nesta cuestión?

Neste ámbito incidimos moitísimo na xuventude. Temos un programa de sensibilización contra as agresións sexuais e, dentro deste, fixemos un apartado con rapazas novas con titulación para que compartan a súa visión, que ao mellor xa non é a mesma que a de mulleres máis adultas. E tamén temos o préstamo dos puntos violetas.

Pero é unha cuestión moi complicada na que hai que seguir traballando e reforzar ás mulleres, porque non é tan fácil como simplemente denunciar. Hai que apoialas, empoderalas e que non se sintan soas, e que a sociedade sexa consciente de que parece máis fácil a denuncia e a alarma colectiva, pero son as víctimas as que deben decidir cal é o mellor momento para elas.

Como coordinadora do servizo de Igualdade, en que áreas considera que é máis importante insistir?

En todos, pero no ámbito familiar a corresponsabilidade é fundamental. As mulleres para ter as mesmas oportunidades teñen que ter moitas menos cargas das que teñen agora.

Si que é verdade que actualmente somos maioritarias en espazos como as universidades, pero sempre chega un punto, unha idade, que dadas as cargas que se asocian ás mulleres, somos as que nos quedamos atrás ou rexeitamos a proxección de tomar o noso camiño en favor da familia.

Sempre chega un punto, unha idade, que dadas as cargas que se asocian ás mulleres, somos as que nos quedamos atrás"Sandra Bastos, Coordinadora de Benestar e Igualdade da Deputación

Os coidados seguen recaendo en nós maioritariamente, e por iso hai que traballar nesa corresponsabilidade, sobre todo eles, porque as nosas decisións vitais seguen estando condicionadas.

Na actualidade, como cre que perciben os homes a igualdade e todo o que a rodea?

É un reto, non o podemos negar. Desde o meu punto de vista, houbo algunha parte do feminismo que ao mellor sinalou demasiado xeralmente e de maneira agresiva aos homes, e iso quizais os pudo afastar de nós. E a nosa política pois non é esa, nós precisamos estar xuntos e xuntas, homes e mulleres, porque senón non conseguiremos ir na mesma dirección.

Hai imposicións que hai que facer, pero hai noutras cuestións que temos que chegar a un consenso para poder avanzar.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina