O premio de poesía Bouza Brey ten unha dotación de 5.000 euros e será bienal
As obras poden presentarse ata o 31 de maio e a gañadora será publicada pola editorial Galaxia

O Concello de Vilagarcía acaba de presentar as bases do que será a sexta edición do premio de poesía Fermín Bouza Brey. Un galardón que renace co obxectivo de volver a ser un referente a nivel literario no territorio galego e con vocación de continuidade. A concelleira de Cultura, Sonia Outón, foi a encargada de analizar polo miúdo as características do certame. Será de carácter bianual e a dotación económica está fixada en 5.000 euros para a obra gañadora. Ademais esta ten a garantía de ser publicada pola editorial Galaxia dentro da colección Dombate.
Segundo os requisitos técnicos os traballos poden presentarse ata o 31 de maio deste ano. Será un xurado integrado por tres persoas representativas da cultura galega relacionadas co eido da literatura o encargado de elixir á gañadora. Esta darase a coñecer na primera semana de decembro deste mesmo ano. A presentación da publicación será nunha data próxima ao 21 de marzo de 2027, Día Mundial da Poesía.
Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos e de temática libre. Non se admitirán poemas publicados previamente en webs, revistas e otros medios de maneira independente. Tampouco poderán ser adaptacións nin estar premiados noutro certame.
O director de edicións de Galaxia, Marcos Calveiro, lembrou que o Fermín Bouza Brey tiña unha alta consideración no mundo literario nas súas primeras cinco edicións. De feito sinalou que o primeiro ano a gañadora foi Yolanda Castaño, con tan só 17 anos e despois dela viñeron outros nomes que acadaron unha sona importante como o de Emma Pedreira. A última vez que se convocou foi no ano 2010 e nesa ocasión quedou deserto, algo que se contempla tamén nas bases actuais. Sonia Outón destacou que “a difusión da man de Galaxia queda garantizada, o que tamén é un aliciente para o gañador”.







