Poemas e flores para reivindicar a Rosalía en Carril
O BNG celebrará o domingo 22 ás 12:30 a súa tradicional homenaxe á escritora galega

Carril volverá a converterse o vindeiro domingo 22 no lugar de homenaxe e reivindicación da obra e figura de Rosalía de Castro. O BNG de Vilagarcía celebrará un acto ás doce e media da mañá nun enclave moi pegado á historia persoal da escritora, dado que esta pasou grandes temporadas nunha casa con vistas a Cortegada.
Coincidindo co Día de Rosalía (que se conmemora cada 23 de febreiro) os nacionalistas celebrarán un acto público na xornada dominical no que haberá lectura libre e aberta de poemas da autora, unha ofrenda floral e un chamamento final ao compromiso da sociedade galega coa súa lingua e cultura. O acto estará guiado polo voceiro do BNG na cidade, Xabier Rodríguez. “Rosalía representa a modernidade, o feminismo, o compromiso coa terra e coas clases populares. É moito máis ca un símbolo literario: é unha guía para a Galiza que queremos construír”, sinalan dende a organización.
O Bloque enfatiza que esta homenaxe debe servir para "recuperar e divulgar unha Rosalía viva, radical, culta e comprometida, afastada das visións edulcoradas ou reducidas exclusivamente ao ámbito escolar".







