O agro desde os ollos dos que o viven: calidade e oportunidades
Tres produtores de diferentes eidos expoñen as súas experiencias nun foro celebrado no CFEA de Guísamo

O agro galego supón unha gran fonte de oportunidades de traballo e residencia para a sociedade, en xeral, e a mocidade, en particular. A esta máis a outras conclusións chegaron esta semana nun encontro acerca do rural galego organizado pola Xunta e El Ideal Gallego, que tivo lugar na sede do Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Guísamo, en Bergondo. No foro, moderado pola subdirectora de El Ideal Gallego, Paola Feal, participaron a conselleira de Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, e tres produtores, que expuxeron as súas experiencias laborais á fronte doutras tantas explotacións: unha gandeira, outra vinícola e outra frutícola.
A primeira en intervir foi a responsable de Medio Rural para destacar que o agro galego non se limita ao vacún ou gandeiro e que, tanto para estes dous, como para o resto dos sectores, a Xunta pon á súa disposición o saber dos seis centros de experimentación agraria, como son o de Guísamo; o de Sergude, en Boqueixón; o de Lourizán, en Pontevedra, e os lucenses de Ribadeo, Becerreá e Monforte de Lemos.
“Cada ano incrementamos o número de alumnos, o cal é bo sinal, porque quere dicir que funcionan ben e que hai demanda. O novo personal ten ganas de formarse para ser máis competitivo pero, sobre todo, para seguir apostando pola calidade. E a formación é fundamental para alcanzar a excelencia en todos os eidos do noso agro. Temos este ano 566 alumnos, a metade son rapazas. O Ciclo de Floraría e Xardinaría cubriu o cen por cen das prazas. Trátase dun sector en auxe que nos acompaña en momentos nos que celebramos acontecementos especiais da nosa vida. Todos os sectores do agro son agora modernos, modernizados, con tecnoloxía punta e que compiten a nivel estatal e a nivel mundial”, apuntou Gómez Rodríguez, ao tempo que indicou que o Goberno galego seguirá reforzando os seis centros, especialmente na FP dual porque é o que conecta aos alumnos coas empresas.
Coñecemento
“Tamén nos centraremos en crear espazos de especialización e innovación agraria que sirvan para mellorar os coñecementos dos produtores en activo e asesoralos nas últimas tendencias. Queremos que os que xa están traballando se acheguen a estas instalacións para que melloren as súas explotacións aplicando as novidades que aporten os docentes. Tamén é importante que na remuda xeracional se acompañe aos novos na súa incorporación, e por iso a Xunta dará axudas para novas empresas, pero tamén con seminarios de titorización desde as oficinas rurais”, engadiu.
A conselleira destacou tamén que desde o ano 2009 incorporáronse ao agro máis de cinco mil rapaces cun apoio económico de 161 millóns de euros. “A convocatoria deste ano 2025 tivo un orzamento de 36 millóns, tanto para incorporacións como para melloras nas explotacións. Para o ano duplicamos o orzamento ata case os 900.000 euros para guiar e titorizar aos que se van incorporar. Apostar polo rural é apostar pola mocidade galega para que queira vivir e traballar no rural. Tamén traballamos para fixar os mozos no rural dun modo transversal. A partir do ano que vén estableceremos a cota cero, durante os dous primeiros anos, para os autónomos que se queiran incorporar ao agro”.
A súa intervención rematou recordando que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou o apoio á rehabilitación de vivendas abandonadas ou en mal estado en municipios de menos de cinco mil habitantes.

Mesa redonda
Trala intervención da conselleira, deuse paso a unha mesa redonda na que participaron María Ramos, da SAT Os Agros, de Santa Comba; Juan Rico, que ten en Aranga unha pequena explotación de mazás destinadas a fabricación de sidra, e Mateo Serantes, responsable de Bodegas Escudeiro, de Cambados.
Rico explicou que a súa actividade agraria é secundaria porque traballa na empresa cervexeira Hijos de Rivera, en cuestións, non obstante, tamén relacionadas coa agricultura. “Teño unha explotación de mazás para sidra desde o ano 2010 en Aranga porque dispoño de tempo e terra ao lado da casa dos meus pais. Pero tamén o fixen porque non require moito tempo de dedicación. Na fase de iniciación como é a plantación de árbores si se necesita tempo e inversión económica e tárdase en ver o froito do teu esforzo. Neste cultivo o retorno económico vai para un tempo moito máis largo. O mercado máis importante hoxe en día é o asturiano por volume. Prodúcese máis mazá en Galicia que en Asturias, pero é alí onde se transforma. Aquí algo tamén, porque Hijos de Rivera ten unha planta en Chantada, pero menos. O que precisamos é que as investigacións que se fan en centros como este de Guísamo cheguen aos produtores para que así xa se planten os produtos que vai querer o mercado”, di. E resume o seu ideal para a actividade agraria en “formación, experimentación e implantación”.
Os motivos de Mateo Serantes, de Bodegas Escudeiro, para centrarse no rural foron, podería dicirse, máis sentimentais. “Metínme no mundo do viño cando acabei a carreira universitaria porque non encontraba o meu sitio. E decidín apostar por unha pequena adega que temos en Cambados. Actualmente somos dous e tocamos todos os paus do negocio, tanto o traballo na finca como na promoción. Para min é marabilloso traballar no rural, traballar nas viñas. Eu son a cuarta xeración desta adega e para actualizarse hai que ter moito respecto polo traballo que fixeron os que te precederon. As novidades hai que utilizalas sen tirar pola borda o traballo que se fixo con anterioridade. Hai que ser cautelosos”, asegura, ao tempo que destaca a axuda que supón para os pequenos produtores programas da Xunta como ‘Exporta’ para dar a coñecer os seus produtos a nivel estatal e incluso internacional.
“Ninguén mantén máis protexido (o medio rural) que quen o cultiva”, dixo a conselleira María José Gómez
“Eramos dous rapaces duns vinte e poucos anos que non tiñamos moi claro a onde queríamos chegar nun sector tan tradicional como é o lacteo. Imaxinade o que pensaron os nosos pais cando lles dixemos ‘queremos ter unha explotación de 300 vacas’ cando só tiñamos 40. Comezamos no 2009, cun plan de mellora para o que contamos cunha axuda de 450.000 euros, pero construir o establo xa custaba moitísimo máis. Era difícil pedir financiación e tivémola que encontrar en Lugo, cando somos de Santa Comba. Os primeiros anos foron moi duros, custounos moitísimo sair adiante, con moitas horas de traballo. Con horarios das seis da mañá ás doce da noite. O asociarnos foi clave para darlle futuro á nosa propia explotación. Indo cada un polo seu lado tíñamos moi pouca vida. Unha explotación, sexa grande ou pequena, ten o mesmo traballo e o unirnos foi o mellor porque se xuntaron os recursos. A maquinaria dun pasa a ser de dous e así beneficiámonos da que xa tíñamos. Tamén houbo unha mellora económica e ao final mellorouse a calidade de vida dos socios. Eu hoxe pódome pillar o día libre, queda o meu socio. Antes era inviable. Este ano collín cinco días de vacacións que para min é un luxo”, relatou entre risas María Ramos, unha das responsables da sociedade Os Agros.
Oportunidades
Respecto a se o agro é unha fonte de oportunidades os tres invitados coinciden en que si, pero tamén poñen matices, porque os obstáculos do traballo no rural son moi importantes. “Si que dá oportunidades, por exemplo, a mín dame para unha segunda ocupación durante os tempos libres. O principal inconvinte da fruticultura é a dispoñibilidade de terras. Para un proxecto serio precisas terreo e a moi longo prazo. A fruticultura en serio non pode facerse en alta montaña, é preciso un sitio máis amable, pero tamén o é para construir vivenda. E o propietario do terreo aínda que sexa rústico pensa que ten un solar no paseo da Castellana. Non é nada sinxelo contar con parcelas de dez hectáreas. Por outro lado está a inversión, no meu sector tende a ser moi elevada. Tamén somos unha terra moi especializada en forraxes e non é doado adquirir maquinaria específica cerca. Case sempre hai que recurrir a Cataluña”, apunta Rico, mentres Serantes concorda con el no difícil que é adquirir novos equipamentos.
Futuro
“Teño sentimentos encontrados polo futuro. Penso que o hai porque somos uns privilexiados, temos un entorno e un clima moi bo. Sin embargo, o rural é moi sacrificado. Hai que dedicarlle moito traballo e moito esforzo. E estamos nunha sociedade onde cada vez se prima menos o esforzo e teño medo de que os que veñan detrás non queiran afrontar estes retos e se decidan por unha vida máis fácil. E vou defender o traballo no campo porque onde a xente traballa o campo, alí non hai lumes. Tamén pido máis apoio público; e con esto non digo subvencións. Se tes unha explotación e precisas axudas é que é inviable. As subvencións teñen que usarse para medrar, pero non para pagar facturas. Sinceramente, eliminaríaas todas. Non quero axudas, quero vivir do meu traballo. Precios xustos. O que lle pido á Administración é que faga visible que o sector primario é o máis importante porque somos os que alimentamos á sociedade. Sen nós, ninguén viviría porque ninguén tería nada para comer”, concluiu Ramos.
“Hai que dignificar o noso traballo. Tamén eu pido que as políticas que se apliquen sexan as correctas para que o noso esforzo sexa rendible economicamente, sen necesidade de axudas. Se nos centramos nisto seguramente que faremos a vida e o traballo no campo máis atractivo para que se una máis xente”, indicou Serantes.
“Non podo estar máis de acordo e tamén quería deixar constancia de que co cambio climático xa se está dando tamén un cambio na produción. As empresas xa comezan a mirar para nós para produtos que antes eran propios do Levante”, cerrou Rico un encontro no que quedou patente a riqueza do rural galego.























