A Xunta adxudica 300.000 euros en axudas aos traballos de preprodución de 14 próximas películas e series galegas

A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria anual de subvencións ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais, cun investimento total de 300.000 euros destinados á fase de preprodución de 14 novos títulos para cinema e televisión, promovidos por 12 produtoras galegas. Entre eles atópanse sete longametraxes de ficción, unha de animación, cinco documentais e unha serie de televisión.
As contías concedidas servirán para financiar tarefas previas á rodaxe, como a escrita e desenvolvemento de guións, asesorías creativas, planificación de financiamento e distribución, xestión de dereitos ou elaboración de materiais promocionais, entre outras actuacións. Futuros proxectos de Ángeles Huerta, Olga Osorio e Lois Patiño
Na modalidade de longametraxes de ficción, foron seleccionadas varias propostas de creadoras e creadores galegos consolidados. Entre elas figuran Lamprea, de Gaitafilmes, dirixida por Ángeles Huerta; A vella e o cocho, producida por Jacobo García Fernández e con Jacobo Lagüela Castro na dirección; e A nena que quería ser Fred Astaire, de Cósmica Producións, con Olga Osorio como guionista e directora.
Completan esta categoría Adarna, de Matriuska Producciones, con Lois Patiño na dirección e no guión; A hora azul, de Frida Films, dirixida por Eloy Domínguez; Handen, de Sétima S. Coop. Galega, con Ángel Filgueira á fronte; e Harmonía, de Cristela Torres Nine, dirixida por Rosalía Quiroga.
Na modalidade de animación, o proxecto seleccionado é Sandwich Cat, de Zeitun Films, que suporá o debut de David Fidalgo como director de longametraxes.
Pola súa parte, na liña para longametraxes documentais, resultaron beneficiarios A terra das viúvas dos vivos, de Cósmica Producións, con dirección da portuguesa Melanie Pereira; Que é unha montaña?, de Filmika Galaika, primeira longametraxe de Fran Casal; e outro traballo dirixido por Ruth Chao.
Finalmente, na categoría destinada a series de televisión, a axuda foi concedida a CTV para o desenvolvemento de Password, con Lucía Estévez na dirección.
Para a concesión destas subvencións, que se outorgan en réxime de concorrencia competitiva, avaliáronse aspectos como a promoción do novo talento, a igualdade na creación audiovisual galega, a solvencia das produtoras, a orixinalidade e calidade das propostas e o impacto potencial no sector audiovisual galego.
Con esta convocatoria, a Xunta reafirma o seu compromiso co fortalecemento do sector audiovisual de Galicia e co impulso á creación cultural propia, contribuíndo á consolidación dun tecido creativo e industrial cada vez máis sólido e recoñecido.