Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Vilagarcía

A gañadora do Plácido Castro, Isabel Soto, reivindica o galego como lingua propia de Galicia

A viguesa recibiu o galardón en Ravella e defendeu o uso de palabras como “xenocidio” para definir a realidade

Isabel Soto co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela
Isabel Soto co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela
Gonzalo Salgado

O Salón Nobre do Concello de Vilagarcía vestiuse de gala e non por unha cerimonia de casamento – como as que acostuma a haber a estas alturas do ano– senón para a entrega do Premio Plácido Castro de Tradución. A viguesa Isabel Soto recolleu, das mans do alcalde Alberto Varela, o seu “Barbetio” asinado por Xaquín Chaves, así como o cheque de 3.000 euros. Un recoñecemento ao seu traballo de tradución da obra ‘A herdanza Ferramonti’, do autor Gaetano Carlo Chelli, da editorial Hugin e Munin.

Soto reivindicou en Ravella o uso correcto das palabras, poñendo como exemplo “xenocidio”, cuxa definición académica leu para describir a realidade. Ante un público entre o que había escritores e editores a galardoada fixo unha defensa do uso do galego, para o que pediu respecto como lingua propia de Galicia. Soto gabou a figura de Plácido Castro, cun vínculo moi grande con Vilagarcía, dado que foi profesor no que agora é o Anexo A Lomba.

Na presentación do acto de entrega o voceiro do xurado, Xabier Senín, lembrou que Isabel Soto leva máis de 30 anos dedicada á tradución, facendo posible que moitos clásicos da literatura poidan ser lidos en galego. E ao revés, que obras galegas sexan coñecidas polos lectores en castelán. De feito Senín fixo fincapé en que a premiada ten traducidas máis de 400 obras. A filla de Plácido, Susi Castro, reivindicou o labor feito dende a súa Fundación.