Ravella acolle este sábado a entrega do Premio Plácido Castro de Tradución á viguesa Isabel Soto
O acto será no Salón Nobre e a entrada é libre ata completar aforo

O Salón Nobre do Concello de Vilagarcía acolle este sábado a partir das 12.30 horas a entrega da edición número 23 del Premio Plácido Castro de Tradución que este ano recae en Isabel Soto. A viguesa recollerá este galardón polo seu traballo no libro ‘A herdanza Ferramonti’, do autor Gaetano Carlo Chelli, da editorial Hugin e Munin. Cabe recordar que esta distinción está pensada para promover e premiar as versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal. A gañadora recibirá 3000 euros e unha escultura "Babelio", deseñada polo artista Xaquín Chaves. A entrada ao acto é libre ata completar o aforo.
O Concello de Vilagarcía é membro do padroado da Fundación Plácido Castro, na que tamén participan os concellos de Cambados e Corcubión. A Fundación ten por obxecto a reivindicación da figura, obra e pensamento de Plácido Ramón Castro del Río, galeguista, xornalista, político e tamén tradutor, daí que se convoquen estes premios. O obxectivo é destacar a calidade das traducións de libros en galego nunha iniciativa que pretende colaborar no proceso de normalización lingüística.
O xurado desta edición destacou que o traballo de Isabel Soto "recrea o rexistro coidado do galego da época, ademais de realizar unha escolla léxica e sintáctica axeitada". A maiores, valorouse "o seu interese na recuperación do léxico e unha fraseoloxía de cerna galega ben acaecida que enriquece a tradución".