Miguel Lois | “O que máis busca a xente sobre Catoira na nosa web non son as Torres de Oeste”
Miguel Lois é o presidente de Os Penoucos, asociación nada no 2006 que, tras comezar polo grande cun macrovento como o festival Artenativa, hoxe céntrase en eventos máis pequenos e na súa web
Miguel Lois é o presidente de Os Penoucos, asociación nada no 2006 que, tras comezar polo grande cun macrovento como o festival Artenativa, hoxe céntrase en eventos máis pequenos e na súa web, un proxecto colaborativo que loita por que o patrimonio do Baixo Ulla non se perda.
Cóntenos sobre a fundación de Os Penoucos.
Nace cun grupo de xente maioritariamente de Valga, para ocupar ese espazo que non se estaba cubrindo, de certas actividades culturais, medioambientais e en defensa do patrimonio. O paso inicial foi a celebración do festival de música Artenativa, que trouxo a Valga grupos como Triángulo de Amor Bizarro, Nadadora ou Noise Project. Ese festival durou dous anos.
Que queda daquela asociación de 2006 e que mudou?
Un festival desa escala sería inviable hoxe para unha asociación coma a nosa, por temas económicos e burocráticos. Agora centrámonos en eventos de pequena escala. Facemos ciclos de cine, andainas, xornadas de observación astronómica, micolóxicas...
Entón, que calendario manexan agora mesmo con eses eventos máis pequenos?
Hai actividades fixas durante todo o ano. Por exemplo, en colaboración co colectivo de Memoria Histórica de Valga, organizamos unhas xornadas anuais de Memoria democrática. Outra actividade fixa é o ciclo de cinema social, no que proxectamos películas con temática como a guerra, a insumisión, o ecoloxismo ou incluso figuras políticas como Xosé Manuel Beiras. Debemos de estar xa na décima edición. Pero o noso proxecto máis coñecido é a web www.obaixoulla.gal, onde se recollen elementos patrimoniais ou paisaxísticos de Dodro, Catoira, Pontecesures, Valga, Rianxo, Padrón, Bamio... E é un tema de divulgación que nos está dando moitas alegrías.
Hai colaboración da didadanía?
Porque é un proxecto colaborativo e iso permite que a xente nos mande fotos antigas ou historias. Esa interrelación dános esas alegrías. E é unha páxina que non ten ningún tipo de subvención, sufragámola nós con custes propios e é de agradecer a resposta da xente, porque ás veces fas cousas e non tes ese retorno.
Supoño que a xente aporta historias porque ten medo de que, se non as recollen vostedes, se perdan...
Si. Ás veces centráse todo no patrimonio material, pero tamén é interesante o inmaterial. Por exemplo, o elemento patrimonial cargado na nosa web máis visto de Catoira non son as Torres de Oeste. É a sepultura de Dominica Borja Ferraguela, unha moza xitana que se suicidou porque non podía casar cun payo. É a única lápida que hai no adro da igrexa de San Miguel de Catoira. Cristina Conde Escaloni, que colabora con nós, foi a que nos mandou esa historia. E como ese, podería poñer exemplos doutros sitios.
Cónteos, si.
En Valga, o elemento máis visto é a fábrica antiga de ladrillos, que hoxe xa non existe. De Pontecesures é a cerámica celta. Son elementos relativamente recentes, que como a xente os recorda, teñen esa visibilidade.
Coido que tamén traballan na recuperación da toponimia local.
Si, temos colaborado co proxecto Galicia Nomeada, que recolle a toponimia dos lugares. Como sabemos, en Galicia todo ten nome: as leiras, os regos... Hai uns meses reunímonos na Casa de Rosalía en Padrón e tentouse colaborar para que nestes concellos do Baixo Ulla se fose recuperando esa toponimia, porque se non quedan recollidos, en 50 anos ninguén os vai recordar.
Algún curioso que recorde?
Moitos de Valga coñecerán que en Senín había un bar que se chamaba O non da vella. Un día, analizando algún topónimo, vin que realmente era a leira na que estaba ese bar a que se chamaba O non da vella.
Que elemento destacaría, a nivel patrimonial, do Baixo Ulla?
Máis que patrimonial, destaco o concepto da paisaxe. O Baixo Ulla vertébrao o río Ulla e por iso nós tamén rompemos ese concepto administrativo de que isto é A Coruña e isto é Pontevedra, xa que iso non existe na poboación. Entón, se ti sobes ó monte Meda de Padrón e miras, xa ves todo o Baixo Ulla ata Carril. Ves como o río Ulla configurou esa paisaxe. E non a hai boa ou mala, todo é patrimonio, tal e como di o convenio europeo da paisaxe.
E a asociación ten socios? Pagan algunha cuota?
Temos socios e pagan unha cuota simbólica que nos dá para afrontar gastos de aloxamentos web e cousas así. O proxecto naceu como algo non institucional e penso que debe seguir sendo así. Agora temos que facer unha nova mellora desa web.
Como se ven noutros 20 anos?
Máis vellos (ri). En esencia, os temas que tratamos hai 20 anos e agora son os mesmos, pero con 20 anos máis nas persoas, entón as cousas vense diferentes. Quería tamén destacar que unha das últimas iniciativas que tivemos foi conseguir que as sobreiras monumentais que hai na capela dos Martores en Valga fosen incluídas no catálogo galego de árbores senlleiras. A pesar da indiferencia do concello e das trabas da Xunta, conseguímolo. Para min, que unha asociación coma a nosa conseguise iso, é trascendental. Co paso dos anos daráselle o valor que ten.
Recorda algún outro logro?
O festival Artenativa, ó que viñeron grupos que sería imposible traer hoxe. Tamén trouxo moitas dores de cabeza e o resultado non sempre foi o recoñecido que debera, pero non nos lamentamos.
Cre que valoramos o patrimonio o suficiente?
Ultimamente máis. Coas redes sociais, contas unha historia e chega a moita xente. Que alguén che diga “isto existe aquí”, faiche tomar conciencia. Tamén hai máis conciencia dende as administracións, por ese movemento popular de divulgar o patrimonio, aínda que nunca é suficiente.
