Valga impartirá un curso gratuíto de introdución á lingua e á cultura galega a partir de setembro

O Concello de Valga impartirá un curso gratuíto de introdución á lingua e á cultura galega. Trátase dunha actividade dirixida a persoas adultas que queiran iniciarse no idioma ou mellorar as súas competencias básicas. O obxectivo principal é facilitarlles a inserción sociocultural, axudándolles a integrarse e perder o medo a falar galego.
O curso impartirase nos meses de setembro e outubro, nun horario a concretar en función das preferencias dos inscritos. Terá unha duración de 20 horas repartidas en dez sesións de 2 horas cada unha. O número de prazas máximas é de 20 e para participar non se precisan coñecementos previos de galego, xa que os contidos adaptarase ao nivel das persoas inscritas.
Ao longo do curso abordaranse bloques como nocións básicas de lingua, vocabulario esencial, comunicación práctica, ou cultura galega.
O curso será impartido pola técnica do Servizo de Normalización Lingüística de Valga cun sistema de avaliación continua. Unha vez superado, as persoas participantes recibirán un diploma oficial da Secretaría Xeral da Lingua.










