A Festa da Lingua foi o plato forte da programación cultural das Letras Galegas en Caldas
Preto de 1.200 escolares de nove centros da comarca do Umia participaron nunha xornada na que o galego foi protagonista

As Letras Galegas tiveron cabida nestes días por toda a comarca e en Caldas a Festa da Lingua foi exemplo disto. A Tafona encheuse onte desde as 10:30 horas con 1.200 escolares de educación primaria, secundaria e bacharelato de nove centros da comarca do Umia.
Alí o obxectivo era cantar, tocar instrumentos, facer monólogos, recitar poesía e microtextos, pero todo en galego e arredor dunha palabra seleccionada pola Coordinadora Comarcal Terras do Umia: ‘bico’. A xornada contou ademais coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, así como outros representantes municipais de Portas, Moraña e Caldas de Reis.
Premio Xan Constenla
Durante o acto fíxose entrega do Premio Xan Constenla a Cris Vázquez, coñecida monologuista e bibliotecaria de Caldas, polo seu labor de dinamización cultural e lingüística. O grupo galego The Rapants puxo o broche final á celebración dunha nova edición da Festa da Lingua.











