Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Caldas

Xesús Rodríguez (Umia Vivo): “Non hai unha sensibilidade nin unha prioridade por preservar o patrimonio”

"Os nosos obxectivos prioritarios son patrimonio, medio ambiente e territorio"

Xesús Rodríguez é o presidente de Umia Vivo, asociación que loita pola defensa do patrimonio, pese a atopar en ocasións “hostilidade” cara o seu traballo. Hoxe cóntanos cales son as súas principais loitas. 

Umia Vivo é unha asociación en defensa do patrimonio. Como a podemos definir?

Umia Vivo naceu como un colectivo despois da loita contra o encoro, que tivo lugar en Caldas e na comarca. Os nosos obxectivos prioritarios son patrimonio, medio ambiente e territorio.

Cales son as principais loitas?

Algunha das que tivo máis repercusión foi o proxecto de Trazas de Pontevedra, que tiña 6 millóns e medio de euros para investir en 18 castros da provincia. Entendemos que era moi agresivo, porque tiña actuacións de impacto sobre o territorio arqueolóxico deses castros. Denunciámolo, e estivemos secundados por ICOMO e Consello da Cultura Galega. Conseguimos a paralización dese proxecto. Tamén, dende 2007, levamos unha iniciativa na defensa do monte Xiabre, que ten un interese paisaxístico indiscutible. Nese territorio sitúase un conxunto de laxes, petroglifos con gravados rupestres, que levan soportando o impacto dos incendios e da xestión forestal sen preservalos.

Xesús Rodíguez, con sombreiro, nunha das actividades de Umia Vivo
Xesús Rodíguez, con sombreiro, nunha das actividades de Umia Vivo
Cedida

Cal é o estado deses petroglifos actualmente?

Houbo algunhas intervencións puntuais, pero que non teñen unha continuidade no seu mantemento para que estean libres de vexetación e accesibles para a visita da veciñanza.

Agora mesmo hai en Caldas un conflito pola reforma da carballeira. Como está a situación?

Levamos traballando niso dende 2008, cando aparece un primeiro proxecto de musealización. Logo houbo un segundo proxecto, o de maior impacto sobre a carballeira, que se realizou entre 2010 e 2011 por un importe de 700.000 euros. A iniciativa nosa, a Consellería de Medio Ambiente entrou no estudio do impacto, chegando a declarar o proxecto ilegal e impoñendo unha sanción de 6.000 euros e medidas correctoras. Nun informe, a xefa de servizo de patrimonio natural di que os danos son irreparables e fai unha proposta de descatalogación da carballeira.

Por que? Que é o que se fixo sobre a carballeira?

Unha alteración da rasante do terreo, unha serie de recheos nos que se utilizaron materiais inadecuados, e a creación duns alcorques nos exemplares, que non estaban no proxecto inicial e que tiveron o visto bó do arquitecto e de técnicos forestais.

Á vista de todo isto, cre que somos unha sociedade que coide o patrimonio?

En absoluto. Por parte da clase política non hai unha sensibilidade nin unha prioridade pola preservación, difusión e concienciación sobre os valores do patrimonio. Neste senso, o seguinte traballo que fixemos foi o traslado de eventos multitudinarios que se realizaban na carballeira, para sacalos de aí, polo seu impacto indiscutible, sobre todo pola compactación do terreo, que conleva unha dificil viabilidade futura dos propios carballos. Conseguir o traslado destes eventos levou catro anos, porque foi trasladado ó Defensor del Pueblo, que abriu un proceso ante as Consellerías de Medio Ambiente, Cultura, e o Concello de Caldas.

Como foi acollido este cambio pola cidadanía?

Hai unha aceptación social deses eventos, promocionada pola propia clase política, porque considera que son foros multitudinarios que lle dan audiencia ou protagonismo. Entón tivo moitas reticencias. Por outra parte, seguimos tendo un problema da negativa do Concello a facilitar información sobre proxectos e expedientes que se están a tramitar. Isto levouse á Comisión de Transparencia de Galicia, que ordenou que se respostara á solicitude de información. A pesar diso, seguimos sen ter acceso á información e hai unha iniciativa de acusación e desprestixio do traballo desta asociación.

Que lugar da comarca destacaría, a nivel de patrimonio?

Temos no monte Xiabre un conxunto de petroglifos por riba das 20 laxes con gravados na parroquia de Cea. No concello de Catoira tamén hai unha serie de achados, algúns deles recientes. Aparece como figura máis difundida o petroglifo da Laxe dos Bolos que, se ben é dos máis importante por superficie e variedade de gravados, tampouco contou cun coidado habitual por parte do Concello nin da Xunta. Outra iniciativa que tivemos foi plantexar unha moción pola diversidade fronte á eucaliptización, que se levou a máis de 25 concellos de Galicia. Plantexábase a declaración do eucalipto como especie invasora e unha progresiva reducción da superficie adicada ó mesmo. Soamente o concello de Teo a defendeu.

Que mensaxe deixaría para fomentar a protección do patrimonio?

As administracións non só teñen un desinterese, senón unha actitude claramente hostil cara aquelas entidades que levamos un traballo habitual de defensa do patrimonio, algo que resulta difícil de entender porque eles teñen obriga legal de facelo, xa que o noso traballo é de voluntariado.