Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Asociación Emigrantes Retornados Ulla-Umia

Celso Domínguez | “Estiven moi contento en Suíza, pero aínda que me coroaran de ouro non quedaba”

Formárona hai xa máis dunha década a raíz dos problemas tributarios que afectaban a moitos emigrantes retornados.

Celso Domínguez Búa é o presidente da Asociación de Emigrantes Retornados Ulla-Umia, que atende a persoas de toda a Comunidade para axudalos con todos aqueles trámites e problemas que xorden cando deciden regresar. Hoxe fálanos destes obstáculos e da súa propia experiencia.

Cóntenos como e onde emigrou.

Eu sempre quixen aprender. Un que marchara, en dous anos xa viñera falando francés, dicindo “fromage, fromage”. Eu pensaba: que é iso? e dicíanme: está pedindo queixo. Entón, eu funme emocionando para saír tamén e hai 55 anos marchei para Suíza, onde botei 17 anos.

Por que elixiu Suíza?

Tiña alí un irmán e xa foran dous irmáns máis. Alí quen se facía cargo de ti era un irmán ou un amigo, que miraba que cumpriras, tiveras orde e non ser un “vagoneta”, pero tampouco un escravo. Eu de camareiro xa daquela eran sete horas de traballo.

Que tal foi a adaptación?

Ben. Os principios son difíciles, mentres un non aprende a lingua. Aínda que nós temos a vantaxe de saber unha segunda lingua, o galego, que daquela case que estaba prohibido.  Eu aprendín francés, que para nós quizáis sexa máis difícil, porque a pronunciación é máis suaviña. Eu traballaba nun restaurante e creo que nun ano e medio xa me defendía. Confundíanme moitas veces cos de alí.

Cando e por que decidiu voltar?

Porque a miña ilusión era montar un negocio propio. De feito, aínda que me coroaran de ouro, non quedaba alí. E logo, a morriña. Sabía mellor unha sardiña aquí que alí un bistec. Eu quixen vir para estar cos meus,  porque a xente maior ía marchando. Estou contento de ter voltado e creo ter triunfado no meu. De feito, pasei de servir cen menús ó día a 300, aínda que xa estou xubilado e teño o negocio alugado.

Cando volveu de Suíza, atopou Galicia moi diferente?

Si. E apreciei que avanzara moito. Por exemplo, antes nun negocio de hostalería había papeis por todos lados e hoxe hai unha limpeza. Cando un chega á emigración ve unha orde das cousas e aquí avanzouse. Pero imos un pouquiño a remolque. Igual no resto de Europa van con 20 anos de adianto.

Un emigrante chega a sentirse dalgunha parte ou sempre sente que é o de fóra?

O emigrante é alí e é cando volve. Pero iso hai que deixalo a un lado. Un débese sentir ben onde estea. A vida ofrécenos o bo e o malo e cada un escolle. Eu escollín e non me arrepinto nada.

Unha mobilización deste colectivo de retornados, en imaxe de arquivo
Unha mobilización deste colectivo de retornados, en imaxe de arquivo
| Cedida

A raíz de que decide formar esta asociación?

Foi a raíz do problema da dobre imposición tributaria que se lle puxo ó emigrante retornado con respecto ós cartos que gañara fóra. Montamos a asociación, fomos manifestarnos varias veces a Madrid e conseguiuse a devolución das multas impostas, pero poñéndose ó día dos pagos aquí en España. Ademais, o retornado, hoxe en día ten que seguir pagando un seguro da seguridade social e estamos loitando por iso e outras cousas. Moitas veces o retornado está mal informado e a administración non o pon ó día. Esta asociación leva axudado a resolver moitos problemas. O primeiro que ten que saber o retornado é que, onde estea, ten que asentar un domicilio fixo e ten unhas obrigas que cumprir.

Cantos socios teñen e que cuota pagan?

Temos uns 110. O asociacionismo é o primeiro que debemos fomentar, porque unha persoa soa non consegue nada. A cuota é de 30 euros ó ano, pero é algo voluntario, simbólico. O importante é resolver os problemas, como por exemplo que a administración aquí non admite unha tradución en alemán e tes que buscar un tradutor oficial, que vale un diñeiral. Tamén hai que informar á xente de que Alemaña, por exemplo, agora fará pagar os impostos alí, polo que a xente retornada non os vai ter que pagar tamén aquí. Teñen que ir a administración e demostrar que xa os están pagando alí.

E como se financian, a parte desa cuota simbólica?

Gracias a que temos unha aportación da Xunta. Se non, non se pode pagar un local, unha secretaria que, ademais, é avogada...

Como ve o tema dos inmigrantes que hoxe chegan a España?

Ó que vén agora estanlle prometendo “el oro y el moro” e non é verdade. Teñen unhas obrigas, teñen que ter un vínculo con España para ter uns dereitos. Moitos veñen cunha man adiante e outra atrás, pero cando nós fomos hai 55 anos, alí xa había un control. Non podías entrar nese país sen un contrato de traballo nin vivir en calquera sitio. Se non o tiñas, había que demostrar que tiñas cartos para pasar tres meses, e ós tres meses, marchar. Para min, todo o mundo é benvido, pero ten que haber unha orde. Tamén estou vendo xente que entra na hostalería, que deberían pararse un pouquiño a formala.

Fixo amigos alá?

Por suposto. Eu fun presidente tres anos do centro español, onde eramos 400 socios. Uníase o centro galego, o español, o asturiano e o clube deportivo nun, chamado Pueblos de España. Compramos un local e protestaron porque faciamos moito ruído os españois. Levámolo ó Tribunal Constitucional e gañamos, pero é verdade que os españois somos ruidosos, porque alí non sabes nin o que están dicindo.

Que é o máis importante que aprendeu na emigración?

O saber estar cada persoa no seu sitio, respectar. Ós galegos os suízos adorábannos, porque valiamos para todo.

Que consello daría a alguén que vaia emigrar ou retornar?

Ó que vaia emigrar, que vaia coa ilusión de ir facer un máster. Ver como é e como funciona. Ó que retorna, vaille doer o corazón porque deixa alí moitas cousas. Pode retornar con cartos, con vivenda, pero iso non paga. Eu veño para aquí para estar cos amigos, porque para ter cartos xa estaba en Suíza.