Víctor Caamaño: “En vender o que fas son mal político e danme vergoña cousas como usar á xente para a foto. Outros gozan”

Víctor Caamaño (1962) posa na antiga mesa de traballo do seu pai, o home cuxa traxectoria laboral fixo que a familia noiesa acabase trasladada primeiro a Vilalonga (Sanxenxo) e a Cambados despois, onde recalou sendo un neno de nove anos que tras toda unha vida na vila do Albariño di: “Claro que me sinto cambadés”. Aquela primeira etapa na paraxe natural da Fianteira marcouno, e daí viñeron os seus estudos en Bioloxía –hoxe é profesor no IES Asorey–, a súa vinculación ao Colectivo Ecoloxista do Salnés... E na paisaxe política cambadesa, as súas ansias por tratar de conquistar “unha sociedade mellor e máis xusta, para iso entras en política”. Tras 15 anos na parte activa, tras intensos periodos na oposición e como parte do goberno de coalición que puxo fin á hexemonía do PP, o voceiro despídese con satisfacción.
Unha pregunta obrigada. Porque deu o paso agora? Nas últimas elección había rumores de que xa non quería ser candidato.
Por primeira vez en anos, o BNG estamos nunha situación de tranquilidade e era o momento de empezar un ciclo novo, pero se demorou pola pandemia. Só é un cambio de cara, de voceiro, o proxecto é o mesmo e vouno apoiar nun papel secundario.
Entón non era certo?
Fun tenente de alcaldesa, era a referencia do partido... Non podes desaparecer tras unhas eleccións, entón estaba un pouco obrigado, pero sabía que o ía deixar porque a miña situación persoal e profesional era diferente.
Que ve ao botar a vista atrás?
Tranquilidade dende o punto de vista persoal. O saldo é positivo a pesar de que houbo cousas negativas como que acabas deixando á familia porque non tes tempo, e iso só pode durar un tempo. E no político, tras unha crise que durou case 20 anos, o tempo demostrou que o esforzo dos que aguantamos no BNG valeu a pena porque o fácil era marchar cando todo ía moi mal, disfrazándoo dunha dimisión.
O peor destes 15 anos?
Non poder adicarlle tempo á familia, iso realmente márcache e presiona. E no político, nada en concreto. Na etapa final houbo conflito para crear un goberno, pero o BNG somos unha formación con formación política e sabemos diferenciar do persoal. De todos modos, este último mandato tampouco me deixou ningunha pegada especial en cambio si o vexo como unha traxectoria dende una situación complexa como partido –O BNG é un partido nacional e toda a súa problemática proxectouse a nivel concello– ata ver unha situación de como o traballo e o esforzo acaban dando un rendemento para nós e este país.
E o mellor?
Coñecer o teu concello, á túa xente... Sería imposible que eu, sendo profesor, coñecera a todo tipo de persoas de todas as parroquias, asociacións… E ter unha visión realista do que hai fóra da túa casa, é o máis positivo de todo. E despois da despedida do pleno, que gran parte da xente coa que trataches te aprecia. Tamén é certo que nunca diferencio ás persoas pola súa ideoloxía.
Algunha espiña cravada que non sexa alcanzar a Alcaldía?
Sendo sincero, conseguila estivo moi difícil co PP, entón traballei para que a nosa posición tivera cada vez máis peso e tratar de sacar cousas adiante, porque o BNG plantéxase gobernar para cambiar as cousas, non para ter poder. Agora hai moitas mensaxes simplistas como esa filosofía de “hai que botar ao PP”. Ben, pero se botalo supón facelo igual ou peor… Iso non é un obxectivo valioso.
Como concelleiro de goberno colleitou moito recoñecemento, incluso entre os traballadores, pero no 2019 perderon unha acta. Porque non se trasladou aos resultados electorais?
Ás veces é difícil diferenciar o traballo e a valía de cada grupo político, e logo hai partidos con clara vantaxe. O PP e o PSOE entran todos os días nas casas da xente, coa televisión, a prensa… Son os que teñen o poder e os veciños teñen a súa vida, problemas... Ás veces nin saben moi ben como ocurren as cousas. Crúzome con moita xente que aínda pensa que estou gobernando, dous anos e medio despois. Entón, viron un goberno a catro que claramente lles gustou máis ca o doutro lado, pero se as cousas van ben, o que o encabeza é o que rentabiliza o traballo gubernativo.
Falando en prata, o PSOE sacou proveito do traballo do BNG?
Realmente baixamos 120-130 votos, non é moito, e hai xente que che coñece e sabe, pero outra non e vota á cabeza visible dese goberno para que siga, ademáis das vantaxes que digo dos grandes partidos. En xeral, creo que como concelleiro fixen un bo traballo
Non se fixo nada mal?
Creo que ao contrario, agardaba mellores resultados porque tivemos a ocasión de chegar todavía a máis xente e as resolucións como concelleiro foron boas. Non me sinto culpable. Se encabezaramos o goberno non habería problema. Ademais, Cultura, Deportes… teñen gran visibilización pero non tanta valoración. Pero estou satisfeito e non miro atrás porque a política é futuro e eu non podo estar eternamente. En xaneiro cumpro 60, quero facer moitas cousas e todo vai moi rápido.
Era pouco amigo do “podo prometer e prometo” e si do non, cando non se podía. Cre que esa franqueza é contraproducente á hora de sacar rédito electoral?
Aparentemente, a curto prazo si, pero a longo... A xente entende que ese non é o modelo. Cando entrei en política Tourís dicía que ía ser mal político e tiña razón nunha cousa, nesa parte de vender son mal político. Nunca tratei de librarme dos veciños, quedaba con eles para falar, intentar solucionar, resolver… Sen ser rimbombante porque é importante transmitir o que fas, pero ten que haber un equilibrio e incluso hai certas cousas que aínda hoxe danme vergoña como utilizar á xente para quitar a foto, algo que outros incluso gozan. Non obstante, chega un momento en que o único importante é transmitir e convérteste nunha estatua de palla: por dentro, por mellorar a calidade de vida da xente, non hai nada. O BNG ten un programa claro que crece en Galicia –agora todo o mundo traballa un modelo de cidade co que levamos 30 anos– e é porque temos un proxecto. Outros só teñen ideas, é o que hai agora en Cambados. Propostas e intervencións rechamantes todos os días nos medios, pero só é unha mistura de proxectos políticos persoais non globais. Non pode ser que esteas gobernando e cando remates a situación sexa a mesma que cando entraches pero con dúas rúas arranxadas.
E que quería vostede para Cambados?
Un modelo de xestión de residuos diferente. Hai unha nova empresa do lixo por toda a tramitación que fixen para compartila con outros concellos e que fora máis rentable económicamente para os veciños, a pesar de que no Concello houbo quen me criticou porque eran doutras cores políticas. Deixamos proxectados os composteiros anunciados agora, o punto limpo móbil, as instalación deportivas eran un desastre, queriamos unha zona aberta no Pombal, pelexamos por un parque no Magariños, o Museo Cabanillas, o novo acceso á casa de cultura de Corvillón… Onde máis problema tiven foi en cuestións xerais como o necesario cambio estructural do persoal, non cubre as necesidades actuais –dende o anterior mandato hai 16 traballadores menos–. E facía falta un técnico de medio ambiente para, ademáis de todo, aproveitar toda a potencialidade que temos dende San Tomé ata Castrelo, que parece que non existe. Algunhas conseguíronse e outras non, pero tamén era unha situación difícil porque cada un tiña o seu proxecto e houbo moitas trabas, honestas ou non. E agora hai algunha novidade? Eu non a coñezo.
Fala de que os seus exsocios non teñen proxecto. E o PP?
O modelo era: vai haber eleccións, pois gran inversión, e como tiñan acceso ao poder e chegaban cartos –levan anos na Xunta, Deputación, Estado– podían ir facendo o que se lles ocurría, pero tampouco teñen un proxecto claro. Tamén criticabamos esas grandes inversións só nos concellos gobernados polo PP e esas loanzas a Fraga como valedor de Cambados. Era un reparto parcial e dunha inxustiza absoluta. Non podes usar a Xunta para os teus beneficios partidistas, así todos acabariamos sendo do PP, porque só consegues cartos con eles, e isto sería como unha semiditadura. Nós na Deputación apostamos por un reparto obxectivo e ata o PP aplaudiu coas ourellas porque non fixemos o mesmo, iso de agora teño eu o control. Se entras en política debes facelo para buscar unha sociedade xusta.
Séntese especialmente orgulloso dalgo que deixara o Bloque para o futuro de Cambados?
Os temas culturais ás veces aprécianse menos e non podes xestionalos como algo para sacar rendemento económico, e en Cambados somos referentes en viño, pesca… pero no aspecto cultural somos diferentes. Asorey, Cabanillas, Manolo Paz, Plácido Castro, ao que se lle deu un pulo que antes non tiña... E isto hai que traballo. Conseguimos o Roteiro Cabanillas, a súa casa natal como lugar de estudo, o Museo, pero precisa máis que estar simplemente aí, debe ter unha programación, unha web… Dinlle sentido á axuda municipal de 5.000 euros para as Xornadas da Fundación Paz, para transformalas no excepcional e gran atrativo que son e que sitúan a Cambados no eido internacional. E empezamos a gastar en mantemento de instalacións deportivas. O PP sempre fai o mesmo, a constrúe, a deixar caer logo fai unha nova. E nas peonalizacións… O Bloque leva toda a vida defendéndoas e foi o que presionou para que sairan adiante, e Jose Ramón tivo que darse de conta de que a xente o quería. E bueno, ás veces non se podía facer máis porque eran competencias dos compañeiros.
Co cuatripartito houbo un momento de desestabilidade política escasamente vista antes en Cambados e hai outros exemplos na comarca. Onde está o positivo destas coalicións?
O positivo é para o cidadán porque é diverso e atende a quen antes non o estaba porque tiña que aguantar un modelo que non quería, porque a democracia manda. Evidentemente, cando non eres un único grupo tes que negociar políticamente e a cuestión está en se o fas e se é de maneira honesta, ou non. Recorda os problemas que tiñamos para reunirnos co resto, cando no propio pacto se recollía unha comisión para resolver posibles conflitos, pero dábannos largas.
Pero había unha Xunta de Goberno para falar. A política municipal é diferente, deberíase estar por riba das siglas. Non?
Hai que separar. Eu estou nun proxecto político que vai máis alá de min, isto non é o proxecto de Víctor ou de Liso –o novo voceiro– e outros crense un proxecto en si mesmos. Cando se vai a unha coalición negocian e planifican as forzas, nós somos os seus representantes, e non podes asinar un proxecto conxunto e unha vez no Concello non cumprilo ou que che dea igual.
Que foi o que non se cumpriu?
O maior problema foi por falta de cultura política e meterse nas competencias dos demáis.
Cando se presentou o pacto fálabase de que ía ser un goberno transversal, sen departamentos estancos…
A transversalidade non é que haxa catro concelleiros de Cultura. Todo o mundo facía actividades culturais que saían das partidas económicos que tiña para a miña actividade. Iso era todos os días. Houbo un solapamento malintencionado e iso creou conflito. E cando diciamos de falalo, porque ti podes firmar un acordo e unha vez na realidade ver que as cousas non funcionan, e hai que sentarse outra vez, nunca se podía. Iso o foi minando pouco a pouco.
E sabendo agora todo iso, volvería a firmalo?
Estiven con compañeiros moi novatos en política, non pasaría se fora xente con máis experiencia. De todos modos, o pacto non era decisión miña.
Pois o Bloque?
Se se cumplira o acordado, si. A pesar de todo, fomos tirando aparentemente ben cara ao final e se fixeron moitas cousas ben. Os maiores conflitos foron nun momento dado con Jose Ramón Abal, que tiña un plantexamento diferente ao dos demais. E se podía facer un novo pacto, aprendendo dos erros, facendo un documento onde quedaran reflectidas e resoltas as problemáticas. Non nos valía iso de “agora imos ser amigos, e ímonos levar ben”, que é o que me dixeron. Eu non son tonto, iso é independente.
Cre que os veciños entenderon que no 2019 o Bloque non entrara no goberno e deixara ao actual en minoría, con todo o que iso conleva?
Uns si e outros non, pero plantexas a pregunta como se o Bloque fora culpable e se houbo pacto a vez anterior foi por nós, e significou ter que ceder moito a xente que estaba en minoría, pero o talante desta vez non foi ese. Incluso houbo una negociación por detrás entre dous grupos, que xa era para non sentarse máis con eles. O plantexamento foi: Se queres entra, pero mandamos nós e a resposta a todo que dixemos nós foi non.
Falamos do malo, e o bo?
A xente ten que aprender que poñerse de acordo é díficil, pero é inaceptable que se metan nas túas cousas e tamén pides certa lealdade. Eu fun a facer cousas de trascendencia para os veciños, pero os meus compañeiros pensan a medio prazo, só no mañá. De feito, dende 2015 a política en xeral se transformou nunha campaña electoral continua e iso despista e evita que o traballo rinda.
Tantos anos criticando o gasto dos gobernos do PP e ao final o custe do cuatripartito foi similar. Moitos pensaron que algún socio, incluido vostede, podía ter renunciado a un salario.
Esa bandeira de que o problema estaba no que cobraban os políticos foi de outros, non nosa, sempre nos pareceu algo secundario. Incluso chegouse a algo tan extremo como dicir en campaña que eles non querían cobrar. Entón iso é populismo ao extremo, asociado á esquerda e á dereita. Ademais, o PP o que tiña era tres asesores e algún cun salario precario inaceptable que logo cargaba de horas extras.
Entón o traballo político hai que pagalo, pero o seu grupo só apoiou o soldo da alcaldesa. Como se explica iso?
A vez anterior houbo salarios porque había un acordo político. Estabamos nun cuatripartito porque era necesaria unha man de máis e no 2019 tamén, pero se non hai pacto non me pidas que te levante a man cando queiras. Houbou ninguneo e desprecio porque non entenden o que é o Bloque e os nosos principios, pero dannos igual eses xogos sucios, como poñernos a parir nas redes.