Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

A música das palabras

Libro, esa palabra que é substantivo pola que na súa primeira acepción, así enumerada no dicionario da lingua do país, se define o “conxunto de follas escritas ou impresas, cosidas ou pegadas entre si e encadernadas”; con certeza é algo que precisa revisión á vista da evolución que se está a producir no produto editorial, especialmente acusada como consecuencia de novos hábitos incrementados pola pandemia sanitaria que obrigou a un longo confinamento, impedidos da vida social e das relacións interpersoais directas, perante boa parte do pasado ano.

Por iso, no tempo actual á hora de falar do libro, como formato ao servizo das e dos lectores ou de quen precise del para formación, coñecemento puro ou simple lecer, é parte complementaria como dupla cara dunha mesma moeda, coa cruz do reverso, a presentación na súa forma electrónica para aparellos lectores e similares ou no crecente sistema de libros falados que é moda con crecemento exponencial nos últimos meses. Letra e música xuntas para facilitar a práctica de ler.

Perspectiva que afronta a industria do sector no Día do Libro, expresión simplificada do Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor, como acontecemento reivindicativo que cada ano ten a súa efeméride no 23 de Abril, auspiciada pola UNESCO dende fai un cuarto de século a partir das raíces, xa centenarias, sementadas polo Gremio de Libreiros catalás que artellaron o repto e propósito de motivar a súa clientela para que agasallase un libro e unha rosa na festa de Sant Jordi, celebración sobranceira alá . A institución cultural internacional, sen embargo, para dotar de máis solemnidade á decisión, asociou esta data á morte ou nacemento de mitos da literatura universal, encabezados por Cervantes e Shakespeare, aínda que no caso deste último facendo uso do calendario xuliano e non do vixente, o gregoriano, que situaría o falecemento do inglés o 3 de maio. Brincadeira diplomática que non diminúe a énfase no proxecto de fomentar a lectura.

Daquela, entre as iniciativas motivadoras está a escolla dunha capitalidade mundial do libro, nesta ocasión a cidade xeorxiana de Tiflis, responsábel do programa internacional que, para este caso, escolleu o lema “Ok, entón o teu próximo libro é...?”, centrado no uso de tecnoloxías modernas como ferramentas poderosas para promover a lectura entre a mocidade. Xa que logo, deseñado para nenos e novos lectores que teñen acceso limitado aos libros, procura na innovación e nas novas canles de comunicación e información, a vía para popularizar a lectura e aumentar a accesibilidade aos libros para toda a sociedade. Aproveitar o rico ecosistema dos libros editados.

Aínda así, a evolución tecnolóxica tamén trae inquedanza e atrancos á xusta compensación dos titulares da autoría que ven rota a maneira clásica de recibir retribución polo seu traballo, alterada pola novas plataformas de distribución na rede de internet, imitando o camiño seguido coa música, con reparto inxusto e abusivo.

Sarcasmo de modernidade, á vista da campaña do pasado Día internacional do Libro Infantil e Xuvenil que optou por identificase como “The music of words”.