Puro espectáculo
Cousas veredes! Candidatos que cantan ( e mal). Candidatas que bailan ou cantan en inglés. Secretarios Xerais que xogan unhas canastras. Presidentes traxeados andando en bicicleta (o tempo xusto para tirarlle unhas fotos para a prensa). Candidatas desafinando rumbas cataláns... algo está a pasar, e non é nada positivo. Alguén decidiu, que á sociedade xa non lle importan as mensaxes, nin lle interesan os programas electorais. O importante é chegar e encher, como dixeran os clásicos. Chamar a atención independentemente das mensaxes e dos discursos. Ser identificable e poder ser lembrado, non pola eficacia, se non pola ocorrencia.Hai unha posta en escena que incomoda. Supera os límites do populismo admisible, e choca cunha realidade de dureza, ou mesmo de drama, dunha parte importante da cidadanía. Ao berro de “Sabedes a última do candidato”? os cidadáns asisten perplexos á repentina vocación de showmans que, a algúns dos nosos polític@s, entroulles de súpeto. Penso que nestes anos de crise, perdemos unha grande oportunidade para mudar os discursos, os métodos e a maneira de construír cos cidadáns. Tiña que cambiar a forma, pero tamén o fondo. Convencer e comprometer á sociedade nun camiño novo, tiñan que ser os eixos forza, que levantaran un novo compromiso social co electorado. Pero non pasamos das musas ao teatro. Seguemos intentando lograr a empatía a base de chascarrillos ( cando non bromas de mal gusto) e de trucos de malos prestidixitadores. Nos cambios de marco e de tempos, é preciso tamén un cambio intelectual. Un novo modelo, actualizado e dirixido a mirar adiante, e non a lembrar permanentemente o moito xa conseguido. E iso é o que falla. Máis alá do espectáculo, a levedade repetitiva e monótona do discurso, continúa.
