Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

A  quí o temos xa, por fin. Non podemos afirmar con certeza que o parto fose complicado, pero tampouco se pode dicir todo o contrario. Non, porque ata que o tivemos diante non soubemos nada do seu proceso de xestación. Tampouco non puidemos ver como ía medrando a criatura no seu seo materno. Malia iso, estaba cantado que había chegar a boa hora... E efectivamente, a boa hora chegou: por fin viu a luz o documento dos Orzamentos de 2016. E agora, así as cousas, hai quen pretende de nós que apadriñemos o raparigo. Queren que sexamos os demais quen o poñamos guapo para poder presumir pola rúa... Mágoa, chegan tarde; iso era antes. Era antes cando tiñamos que axudar na orixe do asunto, todas e todos, a xente á que esa criatura lle pode cambiar a vida, polo menos durante un ano, que non é pouco. Pero non, agora o que se nos ofrece é elixir se queremos vestir o cativiño de cadros ou de listas e non imos entrar a ese xogo. E ata aquí as metáforas. 
Igual que pasara coa modificación das Ordenanzas Fiscais, o Goberno Local preséntanos unha proposta de Orzamento ás outras forzas políticas da Corporación Municipal e polo tanto -ollo, que isto é importante pero parece que aínda non son moi conscientes de tal importancia no equipo de goberno- á representación de máis do sesenta por cento da cidadanía de Vilagarcía de Arousa. O problema é que, malia o que digan, a proposta está practicamente pechada e aínda nos veñen “vendendo a moto” de que calquera achega será benvida. Volvemos ao mesmo outra vez: tarde, mal e a rastro. As cousas non se fan deste xeito.
E así estamos, esperando pola promesa electoral de implantación de Orzamentos Participativos, agardando a chegada do famoso “Concelleiro 22” do que tanto oímos falar no mes de maio... Que foi daquilo todo? Foise co vento? O concepto de participación para o goberno local consiste en depositar un papel nunha urna cada catro anos? Esperemos que non, pero non parecen demostrar outra cousa.
Agora si, agora virá contra nós a chuvia de críticas por “non querer colaborar”, por “non querer traballar a prol da mellora da calidade de vida das nosas veciñas e dos nosos veciños” e todas esas cancións tan manidas ás que adoitan recorrer en casos coma este. Poderán probar tamén a agardar que a “responsabilidade democrática” -outra canción bastante resesa, por certo- dalgunha outra forza lles permita aprobar estes orzamentos en base a unha abstención; ou mesmo poderán regalar “caramelos envelenados” e baixo algunha concesión conseguir apoios. 
Pero desde logo, con Somos Maioría que non conten para aprobar estes Orzamentos. Que non conten con que lle deamos o visto e prace a un novo crédito que endebedaría máis o Concello. Que non conten con que permitamos que a partida de Gastos Correntes ascenda ás cantidades que ascende. Que non conten, en definitiva, con que deixemos atrás o noso compromiso coa cidadanía, porque desde o noso punto de vista así sería se aceptásemos estes Orzamentos e fósemos en contra do que propuxemos en maio e imos seguir defendendo durante toda esta lexislatura: a implantación de Orzamentos Participativos, elaborados pola xente, por un Consello Cidadán, por un Consello Económico e Social, por asociacións de comerciantes, polo conxunto das forzas que compoñemos esta Corporación, etc. Pero desde o primeiro momento, non agora ao final. Unha vez máis: así, non.
Negocien, negocien vostedes con outras forzas... Negocien, pacten, acorden, ou como sexa que queiran definir actuacións do pasado recente. Mentres, de nós non esperen que favorezamos que o futuro inmediato das nosas veciñas e dos nosos veciños veña xa marcado sen posibilidade de participaren e de decidiren. E agora? Pois agora que comece a chuvia, que non nos ha asustar.  
*Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.