Reis e Raíñas
Os reis e as raíñas están moi cotizados estes días. Nalgúns sitios xa hai raíñas, noutros reis malos, basicamente novidades, cambios ou innovacións. Todos falamos da evolución, de mellorar, de innovar, sen embargo, cando se fala das tradicións, a maioría diría eu as queren intactas, sen cambios. Moitas veces sen nin sequera coñecelas ben, outras veces son tradicións medio inventadas según o que dí nun libro antigo, porque a alguén se lle ocurreu unha idea ou porque a alguén lle interesa dita tradición (money!).
En definitiva, como diría Einstein….é relativo e dependerá de según onde se mire. O Día de Reis, as cabalgatas, os agasallos, a tomatina de doces nas rúas das cidades (según algúns o que máis se rompe nestes casos son gafas de viandantes), o sorteo do Neno (máis de 600 millóns de euros en premios), as tendas e facer caixa para logo dar lugar as Rebaixas e a costa de Xaneiro... Todo isto está asociado ó negocio montado arredor dunha ilusión que perdura xeración tras xeración gracias ós nenos e nenas. Por aí pasamos todos, e quen lle nega un agasallo a un fillo, a un neno, a un rapaz ilusionado? Algúns fan grandes esforzos para que ese sono ou ese agasallo pedido na carta ós reis, chegue o seu destino, e así poder satisfacer a ilusión dese neno/a que o espera moitas veces ó longo de todo o ano.
Nalgúns casos o bo comportamento, as boas notas na escola,… asocianse a ter máis ou menos agasallos, mellores ou peores, ou a recibir o agasallo que un pide ou outro calquera. Tamén hai nenos/as que se quedan sen regalo, algúns por ser malos, como se soe decir, pero outras veces porque por desgraza os medios económicos dalgunhas familias non dan máis que para as necesidades básicas. Isto se dá tristeza, un neno/a sen agasallo o Día de Reis.
Nestas datas é cando a solidaridade de moitos grupos, organizacións e da xente en xeral parece volcarse para que isto non pase. Recordade, o ano ten máis días. Hai uns anos, cando eu era neno, viñan os reis e case o día seguinte un tiña que voltar a escola sen tempo a desfrutar dos agasallos. Hoxe en día as modas van cambiando e xa os agasallos chegan en Noiteboa e así isto non pasa tan a miúdo. O problema disto é que en reis fan falla máis agasallos.
Así que o negocio segue a crecer, e moitos ou dividen os agasallos nos dous días, ou señores, a conta pode votar fume. Por outra banda os especialistas recomendan un máximo de 4 agasallos por neno, pero según dixeron na radio esta mañá, os nenos españois recibirán unha media de 10 agasallos no día de reis.
E moitas veces tremendos agasallos, que non custan un senón dous ollos da cara,… Pero ben, será que os reis non teñen crise. Que todo sexa por manter a ilusión e seguir soñando. Que os soños se convirtan en realidade, con ou sen reis.
