Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Paréceme que se sobrevalora a capacidade dos socialistas galegos no asunto das fotografías acuáticas do noso presidente como responsables da filtración e divulgación das instantáneas. Non vexo eu ao amigo Pachi nin ao seu corpo de batalla con poder suficiente, por moito que dixese que o narcotráfico e Feijóo andaban aí, aí. Case que esas aseveración é unha frase feita. Calquera que se fixase na orixe da fortuna dos novos ricos dos anos noventa do anterior século, daba por suposto que proviña do contrabando ou da droga. Modernamente, antes desta crise, os euros nacían de recualificacións urbanísticas ou de concesións municipais e, como daquela, todos pasaron polo xulgado e algúns durmiron no cárcere.
Buscar inimigos na oposición galaica é tan difícil como ir ás troitas nunha barrica de viño agre, porque non se decatan de nada. Calquera manual, novela ou a simple experiencia vital sinala ao culpable de amargar unhas vacacións de Semana Santa á xente próxima. A intelectualidade non é unha característica dos actuais políticos autóctonos, así que partindo de que non son moi lidos nin instruídos, se visen algunha película de gángsteres saberían que “os asasinos chegan como amigos e cando máis os necesitas”. O certo é que o Partido Popular ten un pasado de traizóns máis que curioso e sospeitoso cos individuos que destacaban dentro das filas do partido, como no caso do outrora todopoderoso vicepresidente Xosé Luis Barreiro Rivas ou do non menos omnipotente Xosé Cuiña, calcos exactos en fondo e forma do afloramento público das fotografías de verán de Feijóo.
A política é una carreira de fondo, de longa distancia e non se debe correr ao sprint, como recorda un retirado dos hemiciclos que exemplificaba con Zapatero, que un día levaba unha pancarta e ao seguinte estaba na Moncloa. Se en 2003 Feijóo comezou a recibir chantaxes polas fotos da súa viaxe en lancha pola ría de Vigo en dubidosa compaña, tivo tempo de sobra de solucionar o asunto e dar as explicacións que correspondía. Pero claro, se a opinión pública sabe da travesía anos despois, o corpo electoral necesita máis que xustificacións polas emisoras do Reino. En territorio galaico con non dicir nada xa é suficiente, pero hai que ter coidado das ondas capitalinas, que mesturan nomes de narcotraficantes e citan a Al Capone, Oubiña e a Charlín ao lado do líder do PPdeG e quedan tan a gusto.
Cando desde Madrid comezan a cualificar a un personaxe como bo xestor ou o político do noroeste, convén pórse en garda, porque non faltará moito para que aparezan fotografías comprometedoras ou unha multa por mal aparcamento ou por exceso de velocidade. Isto só é o comezo. A oposición galaica nin sabe nin ten capacidade para tanto, hai que sospeitar dos de dentro.