Piratas con causa
A hemeroteca tráenos lembranza do aniversario dun acontecemento histórico que, nos últimos días de xaneiro de 1961, puxo foco da opinión pública mundial na ocupación do transatlántico Santa María, unha distinguida embarcación de pasaxe tomada por dúas ducias de homes para reclamar atención internacional sobre a privación das liberdades democrática ás que estaban sometidos os pobos español e portugués, baixo gobernos ditatoriais.
É, tamén, memoria histórica do celanovés Xosé Velo a quen conmemoramos no seu centenario. Figura poliédrica, compromiso insubornábel e militancia incansable que pide a berros rachar co silencio sobre este galeguista.
Foi daquela como, baixo o paraugas do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación, DRIL, un comando con destacado acento galego asaltou por fases o devandito navío portugués, un 22 de xaneiro, cando ía en ruta de Curaçao a San Xoán de Porto Rico. Planificación eficiente executada con precisión eficaz, malia a morte accidental dun oficial, mérito de quen dicía chamarse Carlos Xunqueira de Ambía, alcume necesario de Velo, auténtico ideólogo dunha complexa operación capitaneada, de facto, polo arousán Comandante Soutomaior, experimentado mariño con formación militar que asumirá a responsabilidade de dirixir á xente que integra o grupo asaltante.
Sen embargo, no canto dos galegos, a foto proxectou o liderado de Humberto Delegado e Henrique Galvao, persoeiros máis coñecidos polos medios de comunicación da época.
Unha inxustiza que foi rectificada anos máis tarde, unha vez se deu a coñecer o papel de cadaquén nunha aventura que lonxe de rematar co navío nas augas africanas, obxectivo da parte portuguesa na misión, as negociacións diplomáticas fixeron que atracara en peirao brasileiro, país que recibiría co estatus de refuxiados políticos aos comandados do rebautizado Santa Liberdade. Unha terra na que habería ficar Xosé Velo ata a súa morte o 31 de xaneiro de 1972. Maldito mes.
Para os medios de comunicación de Salazar e Franco, alporizados notoriamente polo feito denunciado coa ocupación, esta foi un acto de piratería. No caso español mesmo se agochou a intervención dos galegos. Pola contra, a prensa do mundo libre amosou complicidade e simpatía por esta acción que foi obxecto dun extenso e novo xeito de reportaxe xornalística. Por iso, o goberno americano de John Kennedy puxo da súa parte unha fundamental comprensión para atopar unha solución en plano político que, en boa medida, foi recoñecemento da lexitimidade cá que actuaron estes piratas pola causa da liberdade dos pobos ibéricos. Bo é recordalo.
