De desmantelamentos
Produce unha fonda tristura ver aos enfermos de Hepatite –C abandonados a súa sorte e reclamando, vía manifestacións, o acceso ao medicamento que pode curalos. O sistema que, ata fai ben poucos anos, protexía e garantía a saúde de todos, hoxe claudica ante o interese económico e os beneficios das lucrativas empresas fabricantes de medicamentos. Muface, a mutualidade dos funcionarios públicos, anunciou que deixará de cubrir determinados servizos, sobre todo os relacionados con tratamentos oncolóxicos. O que supón que máis alá dun determinado prazo, comprendido entre 6 meses e un ano, os enfermos de cancro no terán cuberta a atención que a súa enfermidade demanda. Un novo episodio, onde observar como o beneficio ponse, novamente, por diante do custe social que a Sanidade representara para este país, nos últimos 30 anos. Se a isto lle sumamos o tema da eliminación de determinadas vacinas para os nenos, das que fai un par de anos figuraban no calendario obrigatorio, temos debuxado un panorama que evoca os peores augurios para o que, outrora, fora un servizo universal e gratuíto. É certo que nas televisións, falan máis da neve e das choivas que da situación da Sanidade. Ou de enquisas, cociñadas ou precociñadas, coas que manter o foco sobre aquilo que permite evitar dar explicacións sobre o desmantelamento cruel do Estado do Benestar. Primeiro foron os recortes na Sanidade. Despois na Educación. Dunha Lei Educativa, aprobada por todos os grupos menos o PP, pasamos a outra aprobada unicamente polo PP. E seguen facendo cambios sen preaviso nin acordos: menos cursos no Grado ( matrículas asumibles), e ampliando os anos do Master (máis caros para os alumnos e as familias). Quedan aínda as pensións... Será por moito tempo?
