Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Estamos convocados a participar, o próximo domingo dia oito de febreiro, no acto cívico que mobilizará a milleiros de persoas para manifestar a firme vontade de asegurar mil anos mais de vida para o idioma galego.
Ese sinal de identidade básico que nos diferenza como entidade colectiva, ameazado pola forte caída no se uso, dato temido que puxo de manifesto un recente estudo do Instituto Galego de Estatística. Alarma vermella dunha situación que está a tempo de se reconducir de lograr que as institucións públicas, especialmente a Xunta, asuman a súa responsabilidade coa aplicación e cumprimento do que se acordou, fai unha década, no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Vixente no papel impreso. Desprezado na práctica.
Este preocupante retroceso no uso do galego mesmo levou a Real Academia Galega a efectuar unha chamada de atención a xeito de declaración institucional nun manifesto, baixo o título “O galego dá vida, pola vida do Galego”, que nos recorda que grazas “aos esforzos de innúmeras persoas e colectivos e contra os desatinos da historia, o galego conseguiu manterse e soerguerse, superando séculos de marxinación e décadas de persecucións.
Nunca agradeceremos dabondo a xenerosidade, a afouteza e a visión de futuro de moitos galegos e galegas que foron quen de rescatar o noso idioma da prostración e de facelo pular nos distintos ámbitos, da creación literaria aos de medios de comunicación, o ensino ou os diversos ámbitos profesionais. Eses esforzos son a mellor mostra da adhesión do pobo galego cara ao idioma de seu. Estamos certos de que a inmensa maioría das xentes do país valoran a lingua, téñenlle lei e desexan que siga vivindo”. Chamamento que conclúe: “Unha lingua é un universo de seu, pertence ao mellor saber da humanidade.
É unha ponte entre xeracións, un precioso elo coa historia e unha ferramenta valiosísima para o futuro, un medio de comunicación e tamén un recurso con valor emocional e económico.É un ben público, o máis semellante ao ar que respiramos. Temos un tesouro para compartir, sería imperdoable desbaldilo. Ter un idioma propio, orixinal, único, impón a obriga moral e práctica de conservar ese herdo para nós e para toda a humanidade”.  Para asegurar que sexa falado “polas fillas dos nosos fillos” non podemos fallar ao convite de Queremos Galego que nos cita en Compostela para manifestar o dereito a unha longa vida para lingua galega.