Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Gran nevada, boa noticia. Ano de neve, ano de bens, sentencia o refraneiro. E chove como non choveu en anos. Verdadeiramente xa chove sobre mollado. Cousa boa, tamén. Mesmo para saber que o cambio climático aínda ten estas reviravoltas dentro do seu ciclo de comportamento temporal. Coa meteoroloxía atopamos unha oportuna metáfora para abordar a situación política que, a xeito de temporal devastador, está afectando ao futuro do propio sistema democrático que todos queremos manter. Ventos de furacán están asolando á Moncloa sen que o seu inquilino principal, Mariano Rajoy, teña aparente constancia do efecto catastrófico que trae. Fiel ao seu estilo ven de ofrecernos outra fase lapidaria no seu currículo. Agora di que “as veces o mellor e non facer nada”. E iso é o que marca o modo de xestión pública, especialmente no que atinxe ao gran “escándalo Bárcenas”, de corrupción no entorno do cumio directivo do Partido Popular. Considera, el, que os problemas co paso do tempo rematan por se “disolver”, xa que logo nada hai que “resolver”. Esa é a cuestión, disolver ou resolver. Fácil escolla. Por máis que se negue e renegue das acusacións e probas de culpabilidade, por máis que se impoña unha lei de silencio aos seus acólitos, facendo do suxeito Bárcenas o Innomeable, por máis que se poña a funcionar o ventilador intentando afectar a outros no grande estado de crispación popular sobre a corrupción, por outros moitos máis disparates, declaracións e contradicións verbais do tipo “onde dixen digo, agora digo diego” o escándalo non se disolve, non. Medra cada dia máis. Responsables, asesores e comunicadores do goberno deberían coñecer o chamado Efecto Bóla de Neve que se utiliza na psicoloxía social para determinar que un problema non resolto, vai medrando co tempo atraendo outros de proximidade ate converterse nunha situación de máxima gravidade para o que xa non cabe solución e remata por tornarse en catástrofe. A renuncia papal outorgou unha breve pausa, a modo de escampada na tormenta, pero non durou. A sucesión de novas noticias que agrandan este conflito continúan sen que se olle o seu fin. Cada dia que pasa semella máis, no fondo e nas formas de actuar, ao caso Watergate que, recordemos, rematou por provocar a dimisión de Nixon como presidente americano. ¿Aprendemos esta histórica lección?