A MENSAXE ECOLÓXICA DO VATICANO
Falou o papa Francisco, e falou ben. Expresouse a medio da encíclica Laudato Si (Encomiado sexas) con letras que procuran “o coidado da casa común” que para todos nós é este planeta Terra, hoxe en dia gravemente ameazado polos efectos perversos do cambio climático producidos pola acción humana con especial dolo na acción dos gobernos servís ao interese económico das corporacións mercantís que fan o seu negocio, precisamente, á conta de avariar o sistema medioambiental que nos foi dado.
A devandita encíclica, na súa función de carta que o papa dirixe a todos os bispos, sobre algún punto ou algún asunto relacionado coa doutrina e calquera outro tema de interese para todos os cristiáns, está a causar un balbordo útil á causa de petar na conciencia da sociedade que vai soportar os efectos futuros da desfeita ecolóxica, para que entre todos asumamos o papel de responsabilidade que nos corresponde: Modificar os hábitos e axustar os valores persoais que contribúan a salvar a casa común; e forzar coa nosa presión colectiva aos gobernos para que cumpran, sen exclusión, coas medidas que foron acordadas nos protocolos climáticos mundiais.
Cara ao final do presente ano, París é o lugar que marcará a declaración solemne, compromisos oficiais e aprobación do protocolo que relevará a Kioto no obxectivo irrenunciable de reducir a emisión dos gases que producen o catastrófico efecto invernadoiro coa finalidade de limitar o aumento da temperatura global en dous graos ao remate do presente século. A encíclica do papa Francisco pon foco, con tempo dabondo e argumentos teolóxicos, científicos e morais, na necesidade de crear unha corrente de opinión favorable á finalidade de converter ese próximo cumio, na capital francesa, nunha oportunidade decisiva á hora de asumir as responsabilidades na salvación do planeta co desenvolvemento de estratexias, urxentes e imperiosas, á procura de mudar a tendencia clara e os previsibles desastres coa evolución do clima.
Que a encíclica teña desatado a ira dos políticos conservadores norteamericanos non é demérito a favor da chamada á responsabilidade dos organismos internacionais efectuada polo papa. Ao contrario: ladran, logo cabalgamos. A publicación do papa Francisco é unha declaración de guerra ás grandes multinacionais e aos gobernos poderoso por ser os responsables do cambio climático e da pobreza crecente; e, tamén, de converter a Terra “nun inmenso depósito de lixo”. Encíclica atinada e útil..
