Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

ENREDOS, MENTIRAS E PARO XUVENIL

A ministra Báñez chama “mobilidade exterior” á fuga masiva de mozas e mozos que se ven obrigados a emigrar na procura do seu emprego, dada a situación dramática que padece este sector do mundo laboral que provoca que máis da metade dos xoves non teñan ningún tipo de traballo retribuído. Neste asunto somo líderes europeos.
A brincadeira verbal da Ministra de Emprego para fuxir da súa responsabilidade política consagra, en territorio parlamentario, a sarcástica e retranqueira opinión que asegura existir tres saídas seguras para as alumnas e os alumnos que rematan a súa carreira e queren entrar no mundo laboral. A saída pode ser por terra, por mar ou por aire. En todos os casos cara fóra; e dicir, a outros países.
Este fenómeno emigratorio que se conta xa por centos de miles de afectados é unha verdadeira traxedia xeracional que nos leva a tempos pasados caracterizados por episodios de fuxida masiva de xente á procura de traballo fóra. Certamente, o momento actual ten unha característica diferente, agora vaise xente moi ben formada e con sobrado talento que foi conseguido polo esforzo económico das familias e da propia sociedade no seu conxunto, con anos e anos de formación que agora producirán rendemento social e mercantil para economías foráneas.
O tema do paro xuvenil español chama atención mesmo aos dirixentes comunitarios. É significativa a intervención da propia Ánxela Merkel no Foro de Davos, celebrado fai moi pouco tempo, que se referiu a el como un dos problemas que debe afrontar con prioridade o goberno de Rajoy e as mesmas institucións da Comunidade Europea. E para tal fin comprometeuse unha importante achega de recursos europeos. Ben é certo que aquí, no discurso político, hai moito de enredo e mentira calculada. Véxase, se non, os acordos do Consello de Ministros aprobando un fato de medidas de “carácter urxente e extraordinario” para estimular o emprego da xente nova. Nótese que o concepto de urxente non corresponde co que entendemos por tal, en realidade están a cociñarse a lume lento, tanto no Congreso coma no eufemístico diálogo dos axentes económicos e sociais. Aviados imos con esta política xuvenil. Mágoa dunha xeración de mozas e mozos que xa se dá por perdida.