Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

O efecto bolboreta é un concepto que fai referencia, na noción do tempo, ás condicións iniciais dentro do marco da teoría do caos. A idea é que, dadas unhas condicións de arranque dun determinado sistema caótico, a máis mínima variación nelas pode provocar que o sistema evolucione en certas formas completamente diferentes. Sucedendo así que, unha pequena perturbación inicial, mediante un proceso de amplificación, poderá xerar un efecto considerablemente grande a mediano ou curto prazo de tempo. Para que se entenda cun exemplo de proximidade: a brincadeira da bandada de gaivotas no Parque Miguel Hernández, nunha concreta mañá de choiva, ben puidera ser a causa que provocou o Furacán Katrina que asolagou a cidade de New Orleans. O nome para este efecto tomouse á brava, sen que fose acreditado o debido pago dos dereitos de propiedade intelectual á sociedade de autores, dun proverbio chinés no que se asegura que “o movemento mecánico das ás dunha bolboreta pode provocar un Tsunami alén do mundo”. Así que moito coidadiño coas gaivotas, ben se ve o perigo que traen. Agora, para facer máis fino o dito chinés antes relatado anunciase expresando que “o simple movemento das ás dunha bolboreta pode cambiar o mundo”. Neste país asiático están a facer méritos para dotar de total credibilidade á formulación teórica. A última chinada está a ser padecida polo veciño Xapón. Consecuencia da industrialización temeraria que persegue beneficio rápido a toda costa, a contaminación abafante producida pola utilización das centrais eléctricas con uso de carbón que afloran coma fungos por todo o seu territorio provoca que os niveis de contaminación sexan insoportables e acaden unha extensión inmensa e mesmo insoportable para súa xente. Mais non queda alí senón que viaxa polo mundo de xeito que agora xa sofren os efectos da polución chinesa, a miles de quilómetros, a cidadanía nipona. Teoría confirmada, pois. O efecto Pádel ou paddle, é unha variante do da bolboreta, de orixe local e implicación galega, que confirma o perverso resultado causado polo abandono da Xunta, e da Cámara, na súa responsabilidade sobre Fexdega e a conversión do recinto feiral nun espazo exclusivamente deportivo pola actitude neglixente e cómplice do goberno local de xeito que provoca a morte inevitable dunha tradición de certames con máis de cincuenta anos de historia. Do enterro da sardiña ao da Feira, a teoría do caos.