RAJOY TIÑA QUE SABELO
Oactual nível de corrupción da actividade política no Estado ten a súa causa sobranceira na colonización das institucións desenvolvida os últimos 30 anos pola cada vez máis ampla burocracia do bipartidismo PP-PSOE. Unha burocracia que medra para, porén, depender cada vez máis dun pequeno grupo dirixente, que decide as candidaturas electorais e os postos institucionais, convertendo a loubanza ao xefe, a adhesión acrítica e o espirito gregario nos principais valores para desenvolver unha carreira política.
Esta colonización institucional bipartidista, asi e todo, non explica por si propia o nível de corrupción senón entendemos a súa relación con determinadas elites financieras e empresariais madrileñas que xiran arredor do BOE. Elites que, no que atinxe a Galicia, amosáronse historicamente belixerantes diante da posibilidade de que as empresas autóctonas puidesen obter unha parte importante das contratacións públicas ou do reparto eólico. Por certo, son as mesmas que din que as autonomías son ruinosas e que as crases medias vivíamos por riba das nosas posibilidades.
España é un dos Estados máis corruptos das democracias occidentais, segundo Transparencia Internacional e o único Estado da UE sen unha lexislación específica que sancione a falla de transparencia nos poderes públicos. Semella, xa que logo, que como moitas veces a solución futura pasará nomeadamente por darmos máis e mellor regulación.
Agora ben, hoxe non é protagonista a corrupción sistémica en xeral, senón a que aferrolla a sede central do PP. Se as revelacións das últimas horas son certas e os dirixentes do PP cobraron sobresoldos en diñeiro “B” até 2009 é evidente que os presidentes do PP até 2009 tiveron que coñecer ese feito. Xa que logo, semella que o futuro do partido que goberna con maioría absoluta en Madrid e moitas capitais autonómicas pode depender da chantaxe dun presunto delincuente. Porque, se esa caste de comportamentos ilegais existiron no seu tempo, Rajoy tivo que coñecelos.
