Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Abrigar a Rosalía de Castro no día do seu aniversario. Bonito xesto ao tempo que retranqueira forma de denuncia. Iso é, ou foi, a proposta do colectivo de mulleres relacionadas co ámbito literario que responden á causa colectiva de “A Sega”. Para iso, con mans afeitas a traballar coa letra escrita, teceron centos de chales e bufandas que simbolicamente remataron cubrindo ás estatuas que honran, polo país adiante, á poeta  galega máis relevante. Porque, Rosalía, aterece de frío. Non falamos do tempo invernal propio do mes no que naceu. Non. É o frío do programado esquecemento institucional que despreza a necesaria inclusión no calendario escolar do Día de Rosalía que debe recordar, cada 24 de febreiro, o feito de constituír, a obra desta autora, “o punto de arranque da dignificación do noso idioma”. Por iso,  a valoración e difusión do seu legado “é unha actividade normalizadora, útil e necesaria”, así reclamada polos ensinantes, desde os claustros ou desde os sindicatos do sector. Porén, fronte ao silencio oficial, unha reacción social militante vai logrando que a efeméride do nacemento de Rosalía cobre cada vez máis e máis forza para se converter na data que concentra máis actividade literaria en galego, agás o institucionalizado Día das Letras no 17 de maio. Magnífico sinal este, coa participación activa ao longo de todo o país de multitude de entidades asociativas e culturais, concellos e centros de ensino que desbordan en creatividade á hora de recordar á escritora de Cantares Galegos. Centos de actos conmemorativos que chegan a milleiros de chíos no mundo das redes sociais, conquistando un campo novo para a difusión da súa simboloxía.  Mesmo Google estivo atento ao acontecemento e dedicou o especial logotipo deste día á autora de Follas Novas, facendo posible que deste xeito aparecese en millóns de pantallas de ordenador a través do buscador, encabezado pola imaxe da poeta e a frase “adeus ríos, adeus fontes”. Parabéns. Co lema “Eu son Rosalía” moitas formas actuais da escritora rularon pola rede estes días, e aínda continuarán moito tempo máis, con versos que, na propia voz da autora, levan as reivindicacións de hoxe, pola lingua, contra a emigración, coas persoas vítimas de desafiuzamentos e coas que se atreven a escribir en galego. É a vixencia dunha obra universal que vai máis alá do seu tempo para demandar o uso público dese Panteón de Galegos Ilustres, metáfora do cárcere no que está recluída.